Composcleta, en bici por Santiago, para protestar pola nova ordenanza

Protesta de ciclistas en Compostela en contra da nova ordenanza de tráfico, este sábado (Europa Press)

O borrador presentado polo Goberno municipal prohibe a circulación destes vehículos polo casco histórico.

Uns 200 ciclistas, convocados pola asociación Composcleta, marcharon este sábado, 17 de abril, polas rúas de Santiago en protesta contra o borrador da "inxusta" nova ordenanza municipal de tráfico, que tachan de "antibicis". A ordenanza, entre outras cousas, prohibe a circulación destes vehículos polo casco histórico.

A protesta, que saíu da Alameda pasado o mediodía e terminou na Praza do Obradoiro, contou con representantes de todos os partidos da oposición, así como con veciños de diferentes idades.

O presidente da asociación Composcleta, Faustino Gómez, explicou que este borrador inclúe "unha chea de artigos contrarios e penalizadores da bicicleta" na cidade. Unha situación que identifica cunha "falta de sustentatibilidade e de cultura de mobilidade sostíbel" do Goberno local do PSdeG, un texto que ve "fóra do sentido común".

Así, circularon amodo por rúas como Praza de Galiza, Basquiños e Xoán XXIII, en grupos "burbulla", entre os que se puido ver a familias con nenos que facían soar os seus timbres nun ambiente festivo. 'E se deixamos de prohibir, e comezamos a convivir', rezaba un dos carteis que se portaron nesta manifestación.

Ao comezo da protesta, a organización apelou a rodar con "responsabilidade" como "ciclistas urbanas responsábeis", sempre con máscara e con distancia de seguridade.

"Restrición absoluta" no casco histórico

Entre as principais queixas, atópase "a restrición absoluta" de circulación polo casco histórico. Algo que o presidente de Composcleta considera "unha situación absurda porque por aí entran os peregrinos do Camiño", mais, en troques, si que poden pasar vehículos a motor.

Ademais, lamenta que outros artigos "inhabilitan a posibilidade de aparcar bicicletas se non hai un aparcamento de bicis". Ademais, imponse "límites extremadamente baixos" de 15 quilómetros por hora para andar en bicicleta que "non teñen ningún sentido en termos de risco".