Sen competencias ante os sentinazos que ameazan a costa

Imaxe aérea da mancha de fuel que combaten medios de Salvamento Marítimo, Gardacostas da Galiza e confrarías locais na entrada da ría de Arousa (Salvamento Marítimo).
A mancha de fuel localizada na entrada da ría de Arousa volve por sobre a mesa unha vella reivindicación na Galiza: o traspaso das competencias en materia de seguridade, salvamento marítimo e loita contra a contaminación. A Xunta ten competencias en augas interiores mais non fóra do límite de costa, onde se concentra a maior parte do tráfico de mercadorías perigosas e das verteduras que ameazan o litoral galego. 

Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa segue a investigar a orixe da vertedura localizada a pasada terza feira na entrada da ría de Arousa. A mancha de fuel, de 1.500 por 400 metros, foi detectada polo avión de Salvamento Marítimo Sasemar 102 entre Ribeira e a illa da Rúa cando realizaba un voo de recoñecemento pola zona.

Tras a identificación dos residuos oleosos á deriva nas inmediacións da costa, a Xunta activou o nivel 2 do Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental da Galiza (Camgal) a través do servizo de Gardacostas. Fíxoo de forma preventiva xa que o Goberno galego non ten competencias en augas abertas, polo que ademais de trasladarlle a activación do plan galego ao delegado do Goberno estatal na Galiza, Javier Losada, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, solicitou a posta en marcha do Plan Marítimo Nacional, que é o que corresponde mentres a contaminación non alcanza augas interiores.

Competencia estatal

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana impulsou o Plan Marítimo estatal de resposta ante a contaminación mariña en fase de emerxencia 1, en coordinación coa Autoridade Portuaria e os Gardacostas da Galiza.

Neste contexto, o Goberno estatal asumiu o control das operacións destinadas a conter a vertedura cos seus propios medios e cos achegados pola Xunta. O Centro de Control de Salvamento Marítimo de Fisterra mobilizou a salvamar Sargadelos e o buque Don Inda ademais dos buques Irmáns García Nodal e Paio Gómez Chariño e das patrulleiras Punta Falcoeiro e Punta Roncadoira con persoal do servizo de Gardacostas; aos que onte se sumaron medios particulares das confrarías e da asociación de bateeiros da ría de Arousa. O obxectivo: controlar a evolución da mancha, recoller o combustíbel e evitar que chegase á costa.

A vixilancia do medio mariño non é suficiente nin se castigan os sentinazos ocasionais.

O Ministerio de Transportes, a través da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa e da Dirección Xeral da Mariña Mercante foi o encargado de supervisar os traballos de contención e limpeza da mancha que nun primeiro momento levou o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) a estabelecer o fechamento provisional do único polígono de bateas que estaba aberto na zona, o Ribeira B, se ben o patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira, confirmou a Nós Diario que o feche non foi necesario após a intervención das unidades marítimas desprazadas ao lugar para conter a mancha de hidrocarburos.

Desde as plataformas galegas para a defensa das rías aseguran que levan "toda a vida denunciando verteduras" como a que se vén de localizar perto da ría de Arousa. 

Sentinazos fóra de control

Manteñen que son máis frecuentes do que se dá a coñecer e poñen o acento no desleixamento das Administracións á hora de garantir controis máis rigorosos. "Se se seguen producindo este tipo de vertidos é porque a vixilancia do medio mariño non é suficiente nin se castigan os sentinazos ocasionais, que teñen maior transcendencia da que poida parecer pola súa frecuencia", explica a Nós Diario Xaquín Rubido, portavoz da Plataforma de Defensa da Ría de Arousa (PDRA).

Non se avanzou no rastrexo nin na penalización das embarcacións que realizan sentinazos fóra de control.

Neste sentido, Rubido incide na falta de transparencia sobre o volume de verteduras contaminantes que acontecen no corredor marítimo de Fisterra. "Nesta ocasión houbo información pero a maioría non se divulga, a pesar de existir un sistema de vixilancia por satélite, un servizo que achega imaxes en tempo real e que permite realizar un seguimento máis preciso das actuacións dos barcos durante a súa navegación". Porén, malia a mellora tecnolóxica que se ten dado desde o Prestige, afirma o voceiro da PDRA, "non se avanzou no rastrexo nin na penalización das embarcacións que realizan sentinazos fóra de control" tanto en alta mar como máis perto da costa.

Con todo, o risco de contaminación marítima fronte as costas galegas vai máis aló do desleixo das tripulacións que ignoran o coidado dos océanos. "Debemos ter en conta que por diante do noso litoral discorre o corredor marítimo de Fisterra, frecuentado cada ano por arredor de 40.000 barcos, e cada vez máis, porque o tráfico vai en aumento", lembra Xosé Manuel Barros, presidente da asociación Mar de Fábula, dos que máis dun terzo transportan mercadorías perigosas.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da quinta feira, día 15, nos quiosques ou na nube]