Como podo comunicar que teño un niño de velutinas no meu fogar?

Imaxe de arquivo dun niño de velutina na Galiza. (Foto: Xunta)
No que vai ano, Seaga eliminou 2.238 niños.

A Xunta presentou esta sexta feira unha nova ferramenta para notificar ás autoridades a presenza de niños de velutinas nos fogares e espazos forestais próximos aos núcleos habitábeis do país. 

Trátase dun chat automático, xestionado por un bot, que funcionará como opción complementaria ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012. Contará cun sistema de respostas "pechadas" co que se pretende axilizar e facilitar a notificación de presenza destes animais.

O servizo estará dispoñíbel as 24 horas do día durante todo o ano, e poderá accederse a el a través da extensión da páxina web da Xunta ao servizo do 012.

En canto ao Teléfono 012, desde este sábado e até mediados de setembro a liña específica para os niños de velutinas estará aberta todos os días da semana de 8 a 20 horas. O resto do ano, atenderá só de segunda a sexta feira, de 8 a 17.30 horas.

2.238 niños eliminados

Desde o comezo de ano, Seaga, a empresa pública contratada polo Goberno galego para levar a cabo as tarefas de control e erradicación dos niños de velutina, eliminou 2.238 destes. Deles, algo máis de 2.000 estaban situados na metade oeste do país.

Neste sentido, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, incidiu na importancia da colaboración cidadá e a "necesidade" de que contacten co teléfono 012 cando detecten un niño de velutinas e informen da súa presenza, co "obxectivo de minimizar o seu impacto e frear o seu avance na autonomía".

Nunha conversa con Nós Diario en abril deste ano, a integrante do grupo de Bioloxía Ambiental da UVigo Sandra Rojas expuxo as problemáticas derivadas da presenza das velutinas na Galiza, tanto económicas como sanitarias.

"Na Galiza incluso temos casos de mortes causadas polas picadas de velutina, e non necesariamente en persoas alérxicas. Ao sufrir múltiples picadas dun veleno tan poderoso como o da velutina, hai consecuencias na saúde. Na maioría dos casos a morte prodúcese en persoas maiores", detallou.