Como inflúe o racismo nos sistemas sanitarios?

O racismo afecta na actualiadde os sistemas sanitarios (Foto: Europa Press).
As autoras dun estudo apuntan que en todas as doenzas, desde o cancro até as enfermidades cardiovasculares, pasando pola Covid-19, a etnia e a raza adoitan figurar como "factores de risco".

O racismo, a xenofobia e a discriminación son factores fundamentais que inflúen na saúde en todo o mundo, pero até o de agora foron pasados por alto polos investigadores, os políticos e os profesionais da saúde, segundo unha nova serie de catro artigos publicada na revista científica The Lancet.

"O racismo e a xenofobia existen en todas as sociedades modernas e teñen profundos efectos na saúde das persoas desfavorecidas. Mentres non se recoñeza universalmente que o racismo e a xenofobia son importantes factores determinantes da saúde, as causas profundas da discriminación permanecerán na sombra e seguirán provocando e agravando as desigualdades sanitarias", comentou o autor principal, o profesor Delan Devakumar, da University College de Londres (UCL).

Os autores apuntan que en todas as doenzas, desde o cancro até as enfermidades cardiovasculares, pasando pola Covid-19, a etnia e a raza adoitan figurar como "factores de risco".

"Con todo, os profesionais da saúde e os investigadores non estudaron suficientemente as razóns polas que as persoas pertencentes a minorías corren un maior risco de contraer enfermidades, e téndese a supor que estas desigualdades están determinadas xeneticamente e son inmutábeis", lamentan.

A serie de artigos cuestiona esta noción, xunto co argumento de que calquera disparidade pode explicarse por patróns de privación socioeconómica entre grupos raciais e étnicos minorizados; no seu lugar, fai fincapé "no importante papel das respostas fisiolóxicas causadas pola discriminación pasada e presente á hora de explicar as desigualdades raciais en materia de saúde".

"A nivel individual, a discriminación pode activar as respostas hormonais e ao estrés do organismo, causando potencialmente cambios biolóxicos a curto e longo prazo. A discriminación tamén configura as contornas vitais e senta as bases de moitos dos factores de risco asociados á mala saúde, como a exposición a vivendas de mala calidade, a privación e a violencia nos barrios, a contaminación atmosférica e o acceso limitado a espazos verdes e alimentos nutritivos", argumenta o equipo investigador.

Repercusións directas e indirectas

"A discriminación afecta a saúde de moitas maneiras, que a miúdo foron difíciles de medir porque os efectos da discriminación poden aparecer durante longos períodos de tempo. Con todo, as probas existentes suxiren que as repercusións biolóxicas directas e indirectas da discriminación son un factor importante das desigualdades raciais en materia de saúde en todo o mundo, e non as diferenzas xenéticas, como a miúdo se supuxo debido a nocións erróneas das diferenzas raciais", resaltou Sujitha Selvarajah, outra das autoras.

Máis alá das medidas que atenúen os efectos do racismo e a xenofobia na saúde, os responsábeis dos artigos ven necesaria unha acción "máis ampla e profunda para transformar os sistemas existentes que sosteñen e reproducen o racismo e a xenofobia".

Os autores suxiren que ese cambio pode lograrse mediante a aplicación de intervencións de saúde pública antirracistas. Por exemplo, instan a realizar programas de educación temperá que reduzan os prexuízos cara aos grupos discriminados, a mellora da sensibilidade cultural dos profesionais sanitarios e o reforzo das prestacións da seguridade social.

O acceso a vacinas

"Nos últimos anos fomos testemuñas da persistencia do colonialismo na actualidade. A pandemia da Covid-19 viu como o acceso a vacinas que salvan vidas estruturábase segundo criterios coloniais e raciais, cos países de renda alta do Norte Global recibindo un acceso privilexiado a vacinas que salvan vidas. As últimas estimacións suxiren que, mentres que en Europa o 70% da poboación vacinouse polo menos unha vez, esta cifra segue sendo de só o 32% en África", destacou o doutor Gideon Lasco, da Universidade de Filipinas.