O Hospital da Mariña queda sen especialistas en Uroloxía e Dixestivo

Hospital público da Mariña. (Foto: Sergas)

Exixen á Directora do Distrito Sanitario que “dea unha solución ou dimita”

A CIG-Saúde da Mariña vén de denunciar que o hospital da comarca, o Hospital da Mariña, queda sen especialistas en Uroloxía desde esta sexta até a segunda feira. Segundo informa a central sindical, será o Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA) e “un teléfono” quen atendan e decidan se “as e os pacientes requiren ingreso”. En caso afirmativo, din, o ou a paciente será trasladadoa para ingresar no HULA.

"No día de hoxe [pola sexta feira] xa foron derivados para ingreso ao HULA tres pacientes da Mariña", sinala a CIG nun comunicado. Do mesmo xeito "desde hoxe as tres e até a cuarta feira non hai endoscopista no Hospital da Mariña e os pacientes serán derivados tamén ao HULA", confirman.

Por este motivo, desde a CIG exixen á Directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que “exerza as súas competencias e empregue os recursos necesarios para garantir unha atención de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que presente a súa dimisión”.

Diante disto pregúntanse se “é este un exemplo do futuro da sanidade pública da Mariña anunciado por Rueda”, ao que solicitan que indique “como se atende unha urxencia urolóxica vía telefónica e a máis de 100 quilómetros de distancia”.

Así, demandan saber “onde anda agochado nestes momentos Rueda para que nos relate cales son os máis e mellores servizos que ían implantar, onde está a blindaxe do hospital ou cales son os numerosos profesionais que ían vir para Burela”.

Diante desta situación animan a todos os usuarios e usuarias e presentar reclamacións oficiais a través do servizo de Atención ao Paciente.

A central nacionalista considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública. Con este obxectivo subliña que “a CIG-Saúde da Mariña estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos médicos de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca”.