Feito o traspaso oficial de devolución do Pazo ao Estado

(Foto: M. Dylan / Europa Press)
O trámite desenvolveuse na torre do pazo onde está a biblioteca de Pardo Bazán.

A comitiva xudicial atópase xa no pazo de Meirás para proceder ao acto de entrega do inmóbel ao Estado, de acordo coa execución provisional da sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que condenou os Franco á súa devolución.

No acto participan os técnicos da Xunta que realizaron o inventario de bens -un total de 697, segundo o seu informe, entre eles numerosas pezas de valor histórico e artístico- xa que antes da sinatura do documento onde se formalizou a entrega do inmóbel verificouse que os bens están no mesmo estado que cando se fixo a inspección ocular.

Unha vez que tivo lugar o trámite xudicial de entrega de chaves do pazo ao Estado, que se fixo na Torre da Quimera -onde se atopa a biblioteca de Emilia Pardo Bazán-, o pazo pasou, de forma provisional e á espera dunha sentenza definitiva, a ser patrimonio público tras 82 anos en posesión dos Franco.

A esta firma, que non contou coa presenza de representantes políticos, asistiron a avogada xeral do Estado, Consuelo Castro, e a subsecretaria do Ministerio de Facenda.