Comités reforzan na súa II AN o compromiso na construción do ensino público galego

A organización elixiu novo consello nacional e pulará por afondar na unidade de acción do estudantado nacionalista e o traballo do día a día para facer fronte ao modelo de ensino defendido polo PP

 

A Facultade de Filosofía da USC acolleu esta fin de semana a II Asemblea Nacional dos Comités, que se desenvolveu baixo o lema de “En pé! Polo ensino público galego!”. Na asemblea elixiuse ao novo consello nacional da formación estudantil e o informe de xestión foi aprobado con perto do 83% dos votos a favor.As testes política e organizativa foron aprobadas por unanimidade

Nos documentos a debate nesta asemblea apostábase por unha metodoloxía de traballo na que se reforce a estrutura de base, así como avanzar no día a día nas aulas e por potenciar a organización no ensino medio

Superar a fragmentación nacionalista

Unha das cuestións abordadas nos documentos da Asemblea Nacional foi a situación do nacionalismo no movemento estudantil. Así, faise unha “avaliación negativa da fragmentación” do movemento estudantil nacionalista e avógase por procurar a unidade de acción.

Nesta liña´, Comités sinala que “reforzamos a nosa vontade de traballar por e para a unidade”, mais para iso cómpre superar antes “as reticencias” existentes. O obxectivo principal, apuntan, é, logo, “abrir espazos de colaboración e afondar na unidade de acción do estudantado nacionalista”.

Facer fronte ao PP e as súas políticas educativas

Nesta II Asemblea Nacional, desenvolvida en Compostela, analizouse e debateuse o impacto brutal das políticas que o Partido Popular desenvolve a respecto do ensino, tanto desde o goberno autonómico como desde o central. Recortes económicos, españolización, precarización... Para os Comités é fulcral manter a loita constante contra esas realidades e pretensións, para alén de ir abrindo camiños na defensa dun ensino público galego.

Delegacións

No acto de peche desta II ANestiveron presentes delegacións de AGAL (Associaçom Galega da Língua), AGIR, A Mesa pola Normalización Lingüística, Bloque Nacionalista Galego, Federación Rural Galega, Galiza Nova, CIG-Ensino, Liga Estudantil Galega, Mocidades de ANOVA, Mocidade Nacionalista Galega e Nos-Unidade Popular. Malia que non puido asistir, Causa Galiza tamén nos enviou un cordial saúdo.