O Comité para a prevención da tortura do Consello de Europa inspecciona o cárcere de Teixeiro

Cárcere Teixeiro

A comisión preparará un relatorio que, unha vez aprobado, será remitido ás autoridades españolas

O Comité para a prevención da tortura e das penas ou tratos inhumanos ou degradantes (CPT) do Consello de Europa realizou a principios desta semana unha visita ao penal de Teixeiro no marco da súa estencia de 2 semanas no Estado para proceder ao programa anual de visitas regulares a prisións nos estados membros. Este cárcere ten sido albo por parte de diferentes colectivos e organizacións de denuncias de torturas, agresións e malos tratos a internos. Deputadas galegas que quixeron realizar visitas institucionais ao penal foron 'vetadas' polo Estado, impedíndolle facelas. O Comité tamén visitou a Comisaría da Policía Nacional na Coruña.

O CPT organiza visitas aos lugares de detención co fin de avaliar o trato dado ás persoas privadas de liberdade. Entre estes lugares inclúense prisións, centros de detención específicos para menores de idade, escuadras de policía, centros de detención para inmigrantes detidos, hospitais psiquiátricos, centros de asistencia social, etc.

As delegacións do CPT teñen acceso ilimitado aos lugares de detención e o dereito a desprazarse no interior dos mesmos sen restricións. Entrevístanse sen testemuñas con persoas privadas de liberdade e ponse libremente en contacto con toda persoa que poida proporcionarlles información.

Após esta visita, a comisión vai preparar un relatorio, documento que será debatido e aprobado no marco das reunións plenarias da CPT, segundo informan desde Esculca, Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades. Cando estea aprobado, este relatorio será remitido ás autoridades españolas para que estas á súa vez remitan ao CPT a súa resposta ás conclusións e recomendacións formuladas.