Feixoo anuncia unha apertura da hostalaría, mobilidade intermunicipal e reunións de até 4 non conviventes

Foto de arquivo dunha terraza en Compostela (Foto: Arxina)
Non vai ser  homoxénea en toda Galiza e desenvolverase en base a 3 niveis territoriais diferentes. Só 17 concellos manterán as restricións actuais. Galiza segue fechada perimetralmente.

Núñez Feixoo anunciou esta segunda feira unha apertura "gradual e medida". Unha apertura que afecta a hostalaría, mobilidade intermunicipal e reunións de non conviventes. Esta desescalada nestes tres eidos, advertiu, non vai ser a mesma en toda Galiza, senón que se adecuará á situación que haxa en cada zona. Así, o Comité propón fixar tres niveis de desescalada, que principiará a sexta feira (día 26 de febreiro).

Tres niveis para esta desescalada:

1) Nivel 1: incidencia de máis de 500 casos de incidencia aumulada (IA) a 14 días

Hostalaría seguirá fechada, tamén se mantén feche perimetral a nivel de concellos e non pode haber reunións de non convivintes. 

Afecta 17 concellos: Aranga, Cabanas, Carballo, Catoira, Corcubión, o Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Larouco, Malpica, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, Pontenova, Toques e Xunqueira. Nestes concellos a situación continuará como até o de agora.

Só en 17 concellos manteranse as restricións actuais:  Aranga, Cabanas, Carballo, Catoira, Corcubión, o Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Larouco, Malpica, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, Pontenova, Toques e Xunqueira

2) Nivel 2: Entre 250 e 500 casos .

Permítese reunións de até 4 persoas non convivintes, a hostalería pode abrir a partir da sexta feira (26 de febreiro) mais só terrazas a 50% de capacidade e até as 18:00 horas. A mobilidade permitirase entre concellos que estean na mesma situación de incidencia, salvo no caso das áreas sanitarias que ficarán perimetradas e só haberá traslados estre as localidades enmarcadas en cada unha delas.

Aquí están todos os concellos da área sanitaria da Coruña, de Ferrol e de Pontevedra. No entanto, non se poderá viaxar de Ferrol a A Coruña nin de Pontevedra a Ferrol, é dicir, non haberá saídas e entradas nas tres áreas sanitarias.

3) Nivel 3. Incidencia inferior a 250.

Son os concellos das áreas sanitarias de Lugo, Ourense, Vigo e Santiago

Permítese reunión de non conviventes até 4 persoas, A hostalaría pode abrir interior cunha capacidade de 30%, sen barra, e 50% en terraza, até as 18:00 horas.Permítese a mobilidade entre os  concellos no mesmo nivel.. Hai avanzos tamén no ámbito deportivo.

No nivel 2 e 3  está permitida a mobilidade entre os concellos que partillen o mesmo nivel

Poderán abrir as instalacións deportivas, ximnasios e piscinas. 

Ademais, e tal e como informou o presidente da Xunta, Galiza continuará fechada perimetralmente. 

Mellora

Feixoo principiou a súa intervención após o Comité clínico fornecendo datos que indicaban a mellora da situación epidemiolóxica nestes días. Así, indicou que se pasou dunha incidecia acumulada (IA) a 14 días de 779 casos por 100.000 habitantes o 30 de xaneiro a 236 agora. Destacou tamén que estabamos en 3% de taxa de positividade, por baixo do 5% que a OMS pon como limiar para controlar a pandemia.

Case un mes despois de incluír a todo o territorio galego no nivel máximo de medidas para loitar contra o coronavirus, os datos epidemiolóxicos confirman a tendencia descendente observada tanto nos novos contaxios que se detectan diariamente -nos últimos días, ao redor dos 300- como nos casos activos, que xa baixan dos 9.000 cando a finais de xaneiro alcanzaron o pico marca de case 23.000.

Xa a sexta feira, nunha entrevista concedida á Cadena Cope, Feixoo deslizou que esta semana "boa parte" de Galiza podería reabrir a hostalaría, aínda que o comité será o que determine "con que intensidade e con que horario".

Pero o último dirixente da Xunta en abordar as restricións para loitar contra a pandemia foi o seu vicepresidente primeiro e responsábel da área de Turismo, Alfonso Rueda, quen este mesmo domingo se mostrou "optimista" pero tamén apostou por unha desescalada "con cautela" para "non estragar a boa tendencia".

Na pasada segunda feira, 15 de febreiro, Feixoo anunciou reaperturas graduais no comercio, formación, deporte e cultura. . "Eu quixera abrir moito máis, pero non podo. Quixera abrir moito máis rápido, pero non podo", laiouse daquela.