A meirande parte de concellos da área da Coruña e de Pontevedra pasan a nivel medio de restricións

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (Foto: Europa Press)
114 casos por cada 100.000 habitantes é a incidencia da Covid-19 a nivel galego a 14 días. Unha cifra sobre a que traballou hoxe o subcomité clínico para adoptar as medidas aprobadas. Por mor das estatísticas, a partir da segunda feira quedarán abertos os perímetros das áreas de Pontevedra e A Coruña, quedando limitada a mobilidade ao nivel de restricións propio de cada concello estabelecido polas especialistas.

O subcomité clínico que asesora a Consellaría de Sanidade decidiu na reunión da mañá da sexta feira analizar os concellos das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra por separado.

Ao nivel máximo de restricións, que até de agora mantiña Soutomaior, súmanse Boborás, A Pobra do Brollón e A Mezquita.

Ademais, na área sanitaria da Coruña saen do nivel alto de restricións para entrar en medio todos os concellos excepto Miño, Ponteceso, Sobrado e Arteixo. Na de Pontevedra, pasan de nivel alto a medio todos os concellos excepto Cambados, Ponte Caldelas e Vilanova de Arousa.

Na área sanitaria de Compostela, pasan a nivel alto a medio Porto do Son e Tordoia. E na de Lugo, mantense en nivel alto Guitiriz e Lourenzá sobe a ese mesmo nivel Paradela. Na de Vigo, pasan de nivel alto a medio Mondariz e Pazos e mantense en nivel alto Mos.

Na de Ferrol, mantense Cariño en nivel alto e incorpórase Mugardos.

Na práctica, estas decisións implican levantar os fechamentos perimetrais que pesaban sobre as áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra, se ben este avance non será efectivo até a segunda feira. Así, os diferentes municipios destas zonas -e do resto da Galiza- "quedan limitados en mobilidade únicamente en función da súa incidencia".

Os concellos con restricións de carácter medio permiten unha capacidade do 30% no interior de bares, restaurantes e cafetarías e do 50% nas terrazas -até as 18 horas-. Así mesmo, está permitida a mobilidade con concellos no mesmo nivel e reunións de non conviventes cun máximo de catro persoas. No caso dos que continúan en nivel elevado só poderá funcionar a terraza a media capacidade.

En calquera caso, decidiuse manter o horario de feche destes negocios ás 18 horas e os encontros de non convivintes non poderán pasar das catro persoas. As medidas acordadas esta sexta feira aplicaranse a partir das 00 horas da segunda feira, 8 de marzo.

Próxima actualización, o 9 de marzo

A próxima reunión terá como protagonista o comité clínico, e non o subcomité, e decorrerá na terza feira. Será entón cando se actualicen os niveis de restrición por concellos. Prevese que as medidas aprobadas o 9 de marzo entren en vigor na sexta feira, 12 de marzo, ás 00 horas.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, comentou que os índices de afección do virus están baixando, polo que se detecta unha “melloría” na incidencia acumulada “en todas as áreas sanitarias”.

Neste momento, ningunha das zonas supera os 250 casos de infección por cada 100.000 habitantes a 14 días nin os 100 a sete días. No entanto, os mellores resultados son os de Compostela. Na Coruña, o primeiro parámetro está a 229 infectadas e na segunda a 120.

Cambio notábel nos hospitais

Pola súa parte, o xerente do Sergas, José Flores, subliñou que a situación asistencial tamén evoluciona de forma “reseñábel”. Así, as camas ocupadas por enfermas da Covid-19 son agora 331 fronte ás 1.210 ás que se chegou no pico da terceira onda. Nas UCI fican 89 persoas.

Segundo Flores, estes cambios están a permitir retomar a actividade cirúrxica normal que fora adiada. “Entre esta semana e a próxima Galiza recuperará o 100% da actividade en condicións normais”, destacou.

Respecto do incremento da mobilidade que xa se permitiu a semana pasada, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu que non se ve “un incremento” dos contaxios salvo “algunhas excepcións”. Porén, desde o comité piden que non se rebaixe a precaución persoal polo risco que implica levantar os perímetros.