Comité internacional pide que se declare Terras do Mandeo como reserva da biosfera

A superficie total abranguida é de 113.970 hectáreas, o que representa case o 4% da superficie continental galega

 

En xuño de 2012, e após tres anos de traballo, presentábase de forma oficial a candidatura a Reserva de Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".

Agora, o Comité concultivo internacional para as Reservas da Biosfera recomenda que se aproben tres novas reservas no Estado español, unha delas a das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

A Asociación de Desenvolvemento Rural "Mariñas - Betanzos" viña traballando, desde o ano 2010, na Candidatura a Reserva da Biosfera das "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo" xunto coa Deputación da Coruña, no territorio que comprende os concellos coruñeses de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza dos Ríos, Paderne, Sada e Sobrado dos Monxes.

A superficie total abranguida é de 113.970 ha, o que representa o 3,9% da superficie continental galega.

MaB

O Programa sobre o Home e a Biosfera (MaB), da UNESCO, iniciado a principios dos años 70, desenvolve as bases, dentro das ciencias naturais e sociais, para o uso sostíbel e a conservación da diversidade biolóxica e para a mellora das relacións entre as persoas e o medio ambiente.

Ao longo de máis de trinta anos de funcionamento, o Programa ten ido centrando a súas actuacións na figura de Reserva da Biosfera. Na actualidade, o obxectivo prioritario do Programa MaB é promover o funcionamento das Reservas da Biosfera individuais e, sobre todo, potenciar a Rede Mundial de Reservas da Biosfera. Ésta é considerada un instrumento eficaz para a aplicación de proxectos de conservación e uso sostible da diversidade biolóxica, para o desenvolvemento de programas científicos e para a xestión integrada dos recursos naturais, a través da aplicación do concepto de Reserva da Biosfera no terreo.