Persoal da CRTVG denuncia "represión sindical" pola manifestación convocada para o 6 de novembro

Sede central da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
"Non son máis que represalias para intentar amedrentar e someter a intensa actividade que o comité está despregando estes días", lamenta o comité intercentros, en relación á mobilización que decorrerá en Compostela "por unha CRTVG ao servizo do pobo".

O comité intercentros da CRTVG vén de emitir un comunicado no que alerta das "represalias a sindicalistas" que, aseguran, están a producirse por mor da convocatoria da manifestación do próximo 6 de novembro en Santiago de Compostela "por unha CRTVG ao servizo do pobo".

Así, denuncian unha "vaga de represión sindical" a falta de pouco máis dunha semana para a cita, convocada por perto de medio cento de colectivos do país e que o comité intercentros agarda que obteña unha resposta "masiva" por parte da cidadanía galega.

"O comité considera que os apercibimentos que recibiron estes días varias centrais sindicais, nos que a dirección de recursos humanos identifica a certas persoas sindicalistas e as acusa de vulnerar os límites legais da liberdade sindical, non son máis que represalias para intentar amedrentar e someter a intensa actividade que o comité está despregando estes días", sinalan no texto remitido aos medios.

Esas accións "que serviron de escusa para desatar esta ondada represiva" ás que fan alusión consistiron, afirman, nunha pegada de cartaces no interior das instalacións da compañía nos que se anuncia a manifestación, así como "un conflito xerado xa de vello pola imposición de novas funcións sen negociar a determinadas categorías profesionais aproveitando a posta en marcha da plataforma dixital e a nova web da corporación".

Ao xuízo do comité de empresa, anteriores actuacións sindicais da mesma natureza "non se consideraron por parte da dirección susceptíbeis de seren advertidas ou amoestadas", polo que, apuntan, "só cabe enmarcalas no contexto da represión fronte á mobilización".

En consecuencia, a representación legal do persoal da CRTVG advirte á dirección da compañía pública que "non tolerarán máis represalias e ameazas deste tipo sen darrles resposta contundente".

Ao mesmo tempo, desde o comité fan un chamamento, "máis unha vez", á cidadanía para acudir á manifestación "para rescatar a CRTVG do secuestro no que a mantén, desde hai xa demasiados anos, o Goberno da Xunta do Partido Popular".