Comité Intercentros pide ao Parlamento a remuda do director xeral da CRTVG

Alfonso Sánchez Izquierdo (primeiro pola dereita), nunha imaxe de arquivo, nunha comisión parlamentaria de control á CRTVG. (Foto: Europa Press)

Acúsano de amparar decisións “erráticas que están a comprometer o futuro da radio e a televisión públicas” galegas.

 

A representación  legal  do  persoal  da  CRTVG  urxe ao Parlamento galego a “asumir  xa”  a responsabilidade  que  a  Lei  lle  encomenda  ao  Pleno  do  Parlamento  con  respecto aos medios públicos de Galiza, e “acordar polo  consenso suficiente a renovación do Director Xeral da Corporación, que ten  prorrogado o seu mandato desde novembro de 2015  pola falta de acordo  para nomear unha persoa substituta”.

O Comité Intercentros considera que  Sánchez Izquierdo “non está xa capacitado” para continuar dirixindo o rumbo  da CRTVG e acúsao  “de amparar decisións erráticas e erróneas que están a comprometer para  sempre o futuro dos medios de comunicación públicos da Galiza”.

O  comité lembra que o pasado  29  de  xaneiro solicitaba  o  cesamento  da  directora  da  Área  de  Soporte  Tecnolóxico  e  Medios  da  Corporación, Sara   González   Otero,   ao   considerala   responsábel   da  “constante deterioración das emisións que poñen en cuestión a encomenda  de  servizo  público  dos  medios  de  comunicación  públicos  de  Galiza”.

Segundo  denunciaba  a  representación  legal  do  persoal  da  CRTVG,  dese  departamento  técnico  “estanse  a  adoptar decisións  que  inflúen  na  calidade   da   prestación que   ofrece   o   medio   e   que   fan   dificilmente  xustificábel  o  recente  investimento  en  renovación  tecnolóxica  acometido pola  CRTVG”. 

O  Intercentros  consideraba  “inaceptábel  a  calidade  das  retransmisións,  especialmente  as  deportivas,  que  se  están  a  efectuar  a  través dun modelo tecnolóxico inadecuado por vontade técnica”, o que lle  ocasiona  “serios  problemas  no  traballo  a  todo  o  persoal  implicado”  e  “protestas da audiencia e doutros medios de comunicación interesados no sinal da TVG”, co consecuente “desprestixio corporativo”.

Tres  meses  despois  desa  petición,  “lonxe  de  conseguir  o  cesamento  da  directiva  á  que  o  Comité  considera  responsábel  desta  grave  deriva”,  o  director  xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, fixo públicos unha  serie  de  cambios  na  estrutura  organizativa  de  alta  dirección  onde  non  se  contempla  a  petición  que  realizou  e  razoou  o  Comité Intercentros en xaneiro.