O comité intercentros da CRTVG rexeita o pacto entre PP e PSOE

[Instalacións da CRTVG]

Denuncian que non se teñan aplicado "aspectos fundamentais" da Lei 9/2011 o que coidan froito da "parcialidade" e non do interese xeral.

 

Ás duras críticas das forzas da oposición (BNG, AGE e Grupo Mixto) que ficaron excluídas da negociación e do acordo para a renovación do Consello de Administración da CRTVG, súmase agora o comité intercentros da corporación. 

Através dun comunicado de imprensa, @s representantes das traballadoras e traballadores rexeitan o pacto entre PP e PSOE ao consideraren que "representa un grave atentado ao pluralismo existente no país" pois, subliñan, non só deixan fóra do órgao unha parte da Cámara de representantes senón que vai "mesmo en contra do criterio de proporcionalidade". 

Neste senso, reclaman a garantía do "pluralismo" como "dereito fundamental" quer nos contidos quer na xestión dos medios públicos. Ao igual que as forzas da oposición desde o comité aseguran que a blindaxe da maioría absoluta do PP que, de facto, supón o acordo, "podería supor o bloqueo á renovación do órgao" pois exixirá dous terzos do Parlamento para reverter a composición que ficou aprobada en sesión parlamentar onte. 

O acordo entre PP e PSOE, denuncian, é "un grave atentado ao pluralismo existente no noso país"

"Parcialidade" 

A representación do cadro de persoal da radio e televisión pública censura tamén que non se teñan aplicado "outros aspectos fundamentais" recollidos na Lei 9/2011 como é "a elección dun novo director ou directora xeral por maioría cualificada de dous terzos, que garanta a súa imparcialidade. Tampouco se aborda a aprobación do mandato marco que asegure un financiamento estable, unha garantía de produción propia interna e o mantemento dos postos de traballo na CRTVG. Igualmente  omítese a aprobación do estatuto profesional e do consello de informativos co fin de garantir a profesionalidade e a independencia dos contidos, ou a regulación do dereito de acceso dos grupos sociais e políticos significativos do país como condición necesaria do pluralismo", apuntan. 

Perante este feito aseguran que o pacto entre PP e PSOE reflicte un interese "partidista" e "parcialidade". Así pois, lanzan un chamamento á "responsabilidade e o esforzo de todas e todos" a prol dun "consenso amplo que integre a totalidade das forzas políticas con representación parlamentar" á fin de "desenvolver a lei no seu conxunto" garantindo "dunha vez", din, "medios públicos galegos, independentes, plurais e de calidade".