O Comité da CRTVG critica a xestión após o ciberataque e esixe información sobre o roubo de datos sensíbeis dos traballadores

Instalacións da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela.

O Comité Intercentros reclama á Corporación de Radio e Televisión de Galiza información “directa, urxente e actualizada” da afectación do ataque informático sufrido o pasado 25 de xullo sobre a filtración de datos persoais das traballadoras custodiados polo ente público.

A representación legal das traballadoras critica que, 3 semanas despois do ataque e malia ter solicitado unha xuntanza urxente para aclarar o acontecido, “a CRTVG limitouse a enviar 2 comunicados nos que se dan informacións vagas sobre as actuacións postas en marcha e sen ningunha información clara sobre os datos que poidan estar comprometidos”.

Nun contexto de crise e alarma como o actual, dada a caída dos sistemas de produción audiovisual e de xestión e de filtrados de datos, este órgano considera que a comunicación coa representación das traballadoras debera ser directa e constante, indicando as persoas responsábeis da protección de datos e da xestión da crise, para poder obter información actualizada que acalme as inquedanzas do persoal.

“A situación de filtrado de datos pode ter consecuencias importantes para as persoas afectadas e, aínda sendo conscientes das investigacións que poidan estar en marcha e puideran verse influídas, a CRTVG ten a obriga de comunicar ás afectadas e tamén á súa representación, en que situación se atopan”, ijdica o comité nun comunicado.

Nos comunicados publicados non se aclaran que medidas ou procedementos están en marcha, critica, nin que autoridades están alertadas, ao tempo que as traballadoras descoñecen
se os seus datos figuran ou non entre os roubados, “o que as deixa nunha situación de total desamparo”.

Ante tal situación, o Comité Intercentros reitera a necesidade urxente dunha xuntanza (“e cantas for precisas”) coa dirección de Recursos Humanos e todos aqueles implicados na xestión do ataque co obxectivo “de aclarar o alcance do ataque, se a afectación é só sobre o persoal en activo ou outro tipo de persoas vencelladas doutro xeito ou noutros momentos á CRTVG e en que situación de protección ou desprotección se atopan os sistemas da Corporación en cada momento”.