O comité de folga do Hospital de Santiago xunta 10.000 sinaturas de apoio

Manifestación en defensa dun servizo de urxencias digno en Santiago de Compostela. Foto: CIG.

Lonxe de retroceder, a conflitividade na sanidade pública galega non deixa de medrar. Dez anos de retalladas e reorientación neoliberal do servizo estálanlle a Feixoo. O comité de folga das Urxencias do Hospital de Santiago, que a pasada cuarta feira xuntou milleiros de cidadáns en manifestación, vén de remitir 10.000 sinaturas de apoio ao conselleiro do ramo.
 

Urxencias mantén unha folga indefinida dende o pasado mes de novembro. Os profesionais reclaman máis medios e condicións laborais dignas. Até o punto de que o propio comité de folga considera o 100% de servizos mínimos decretados pola Xunta para a protesta de “insuficientes, como demostran os continuos reforzos”.

 

Na misiva que entregaron esta sexta feira no rexistro da Consellaría de Sanidade -que dirixie Jesús Vázquez Almuiña- os membros do comité de greve lamentan “a pasividade das distintas xerencias” da área sanitaria. As máis de 10.000 sinaturas “amosan que a cidadanía está concienciada e apoian as reivindicacións dos traballadores”. As multitudinarias marchas de protesta de Vigo en decembro e de Compostela en xaneiro así o demostran.

 

O escrito denuncia “o grave estado de deterioro do servizo debido a deficiencias a nivel de organización e de dotación de recursos” e sinala carencias de persoal e de materiais, ademais dunha carga asistencial inasumíbel en que as traballadoras e traballadores sofren “un ritmo estresante e inseguro”.

 

Esta mesma sexta feira transcendía no Parlamento de Galiza que a Fiscalía investiga a morte de dous pacientes en Urxencias do hospital compostelán. “Estas carencias provocan situacións lamentábeis que fan imposíbel salvagardar dereitos fundamentais dos usuarios”, indica a carta, que tamén crítica que a consellaría non atenda as demandas dos profesionais.

 

E, porén, despois de dez anos de políticas de redución da sanidade pública galega e de periódicas vagas de protesta profesional e cidadá, o Goberno de Feixoo asume que existen graves problemas. Curiosamente agora convoca “grupos de traballos para a reforma sanitaria”, cando esta está en marcha, e con orientación neoliberal e privatizadora, desde que, en 2009, asumiu a presidencia da Xunta.