Sermos326

O comité esixe concreción á cúpula dunha CRTVG ao bordo da folga

O xornalista da TVG Xosé Manuel García. Foto facilitada por Defende A Galega.

As xuntanzas entre sindicatos e empresa na compañía pública ofrecen tímidos avances, pero a parte social esixe maior concreción á dirección se esta quere evitar a folga do 19-D. Esta sexta feira reanúdase a negociación entre o comité e a compañía.

A unha semana do 19 de decembro —24 horas de folga con extensión o 22 para a quenda de fin de semana, mobilizacións convocadas polo comité intercentros da CRTVG en protesta pola situación laboral e profesional no ente público— as negociacións abeiran o estancamento. O comité de folga, tras seis xuntanzas coa dirección da empresa, considera “vagas” as ofertas presentadas por esta e esixe “maior concreción”. Os puntos centrais de fricción son a cuestión da produción propia e máis a recuperación das desconexións territoriais da radio. Para a representación de traballadoras e traballadores, isto último é irrenunciábel.

 

Na antepenúltima das reunións, a CRTVG —representada pola directora de Recursos Humanos Susana Fernández Veiguela, a anexa á dirección Rosa Vilas e máis polo responsábel de Contidos, Fernando Ojea—amosou a disposición a “ampliar o programa Bos Días en 15 minutos diarios e a Revista media hora”. Un late night semanal de entre 30 e 40 minutos despois da hora punta [o chamado prime time] e un programa infantil diario a partir de febreiro completaban a postura da dirección da empresa no primeiro dos 12 puntos da taboa de reivindicacións do comité de folga. Este reclamou un terceiro programa e a recuperación das desconexións territoriais na Radio Galega, suprimidas na reforma da programación en antena desde o pasado setembro. A contra oferta da compañía incluíu ese terceiro espazo, un programa humorístico con materiais de arquivo. Pero nada sobre as mencionadas desconexións territoriais.

 


 

 

Seis meses de Venres Negros “contra a manipulación”


A pasada foi a viséximo novena sexta feira consecutiva de protesta e mobilización dos e das profesionais da radio e da televisión públicas galegas. Os coñecidos como Venres Negros intentan ser a súa fiestra cara ao exterior, “unha plataforma aberta á sociedade” do que acontece na CRTVG. Traballadoras e traballadores remiten fotografías en que visten roupa negra “contra a manipulación xornalística”. Segundo relata a Sermos Galiza un actvista de @DefendeAGalega, o seu principal propósito é “conseguir que a sociedade se implique na defensa dos medios públicos”.

 

Tensión

 

Fontes das redaccións do ente público cualifican o clima de traballo de “moi tenso”. A mudanza da programación realizada na Radio Galega o pasado setembro non contribuíu á mellora. “Creáronse programas contendores que requiren máis persoal”, indican, “e non o hai. Se hai baixas, os labores recaen sobre outros compañeiros. Facémolo o mellor posíbel, pero só porque temos grandes profesionais” Tampouco o que estas mesmas fontes entenden como “falta de contacto da xefatura cos traballadores” axuda.

 

[A íntegra desta información tela no teu dispor no Sermos326, xa na nosa loxa e nos quiosques do país].