O comité de empresa dos medios públicos exixe o cesamento dos responsábeis dos informativos polo "abandono" na cobertura dos incendios

A presentadora do Telexornal fin de semana Raquel Domínguez e o reporteiro Demetrio Morenza durante unha conexión en directo este domingo, 18 de agosto. (Foto: TVG)

Acusa á dirección de non estar á altura nun momento de extrema emerxencia no que a poboación agardaba que os medios públicos de comunicación fosen a fonte de información de referencia.

O Comité Intercentros da CSAG esixe o cesamento de Alejandro López Carballeira e Marta Darriba Quintián, director e subdirectora dos servizos informativos dos medios públicos, ao entender que fican "desautorizados para estar á fronte dunha equipa de traballadores e traballadoras que estes días sentiu vergoña, impotencia e carraxe pola desidia e a irresponsabilidade dos seus superiores". A representación do persoal dos medios públicos da Galiza acusan os responsábeis de informativos dunha "inacción deliberada" que desatou " fortes críticas da poboación ao papel da súa radio e da súa televisión, ao ter que acudir a medios estatais para conseguir a información de servizo público que en todas as crises se agarda".

"Tal vez por incompetencia nun primeiro momento e, posteriormente, como en ocasións anteriores, por seguir o mandato do Goberno da Xunta de ocultar a gravidade da situación relativa aos incendios que asolan boa parte da Galiza, os servizos informativos da radiotelevisión pública estiveron e aínda están desaparecidos do papel que deben xogar como primeira fonte de información de servizo público da cidadanía galega nunha emerxencia como a que supoñen os maiores lumes da historia do país", apúnta o Comité Intercentros nun comunicado remitido aos medios.

Ao entender do comité, "a escasa información en bucle nos poucos 'especiais informativos' emitidos nos últimos días ten por obxectivo disfrazar a nefasta cobertura realizada para xustificarse no Parlamento nos minutos de información ofrecidos".

Servizo público

A representación legal do persoal urxe á nova directora xeral, Concha Pombo Romero, a asumir en primeira persoa a xestión da crise, "substituíndo os directivos incompetentes por profesionais da redacción capaces de liderar a grave situación, nun xiro radical que permita recuperar o papel e a responsabilidade como servizo público dos informativos e do resto da programación, que debe estar centrada na crise incendiaria, fornecéndolle á poboación minuto a minuto e desde todas as frontes a información de utilidade que precisa e demanda".

O Intercentros insta tamén a directora xeral a abandonar o papel propagandístico dos intereses do Goberno da Xunta da Galiza "para poñer definitivamente os medios públicos ao servizo dunha cidadanía que atravesa unha situación extrema".

Ademais, o comité de empresa lembra que en situacións críticas coma esta "queda clara a irresponsabilidade" que leva anos denunciando sobre o desmantelamento das delegacións territoriais da canle pública, xa que "son os equipos de profesionais que coñecen o territorio os que mellor poden acceder e informar sobre o que pasa nel". Así, precisa, "coa delegación de Ourense en cadro, resultará difícil cubrir axeitadamente a información do que pasa nas aldeas que están a ser desaloxadas e no peor dos casos arrasadas".

A representación legal do persoal confía en que a dirección xeral "pilote un cambio de rumbo na cobertura deste desastre" que permita recuperar o papel de servizo público que nunca debeu abandonar a CSAG e así "recuperar o orgullo de traballar na radiotelevisión galega, que a día de hoxe causa vergoña".