Comité intercentros denuncia o uso da cobertura do coronavirus pola CRTVG “para lle facer a precampaña a Feixoo”

Plató da CRTVG.
Consideran que a dirección do ente “antepuxo unha vez máis os intereses do Partido Popular ao dereito da cidadanía a acceder a unha información veraz e plural”.

O Comité Intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galiza (CRTVG) consideran que a cobertura da pandemia do coronavirus que están a facer desde os medios públicos galegos é “un irresponsábel e trapalleiro exercicio de precampaña electoral ao servizo do candidato Alberto Núñez Feiixoo”.

Así o manifestan a través dun comunicado, onde os representantes dos traballadores e traballadoras da radio e a televisión galegas indican que o director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, e os responsábeis dos Servizos Informativos “antepuxesen unha vez máis os intereses do Partido Popular ao dereito da cidadanía a acceder a unha información veraz e plural”.

O Comité mantén que desde o inicio da crise xerada pola COVID-19 “as estratexias de manipulación informativa que se foron sucedendo nos telexornais e outros programas baseáronse fundamentalmente en criticar e desprestixiar a xestión da pandemia por parte do Goberno estatal, en mans da coalición PSOE-Unidas Podemos, para louvar e enaltecer as actuacións da Xunta , dominada polos populares”.

Consideran que os telexornais foron en moitas ocasións “unha emenda ás decisións do Goberno central”. Así, explican, “a técnica consistiu (e aínda consiste por se se quere comprobar) en contestar e reprobar as decisións de Madrid con videos de produción propia nos que, despois dunha cita por exemplo do presidente do Goberno, aparecen réplicas ou declaracións críticas de cidadáns ou voceiros sectoriais. Nada reprochábel se se fixera sempre, tamén os xoves despois do Consello da Xunta ou despois de cada rolda de prensa de Feixoo”.

Exemplos

Indican que a través da reiteración de enunciados como “Galiza reforza o material sanitario”, “temos a taxa de letalidade máis baixa de España”, “a Xunta continúa cos test diagnósticos”, “O Ministerio valora a posibilidade de deixar saír aos nenos, como propuxo o domingo pasado Feixoo” ou “o Goberno galego segue traballando”, pretenderon transmitir a imaxe “de que no noso país todo vai ben porque goberna o Partido Popular, cando no resto do Estado a situación é de caos”.

A isto engaden a “trillada estratexia de silenciar os partidos da oposición, que estiveron practicamente desaparecidos durante o confinamento máis severo”.

A “mesma ocultación” padeceron nos informativos da TVG e de RG, afirman, aqueles colectivos, organizacións ou agrupacións de traballadoras que mantiveron durante este tempo unha posición crítica contra a xestión da Xunta.

Para o Comité Intercentros da CRTVG resulta “especialmente grave” que a dirección do ente público “se atrevera a aproveitar mesmo este importante problema sanitario para intentar favorecer coma sempre o Partido Popular”.

Neste contexto “de manipulación descarada e grotesca”, conclúen, o Comité Intercentros alerta de que estas prácticas irán “a máis” de cara ás eleccións do 12 de xullo.