Comité denuncia 10 minutos en negro nunha transmisión deportiva na TVG por un sistema de retransmisións “obsoleto”

Plató da CRTVG (arquivo)

“Despois dun custoso proceso de dixitalización das redaccións as retransmisións fanse con tecnoloxía obsoleta ou recursos barateiros”, afirma o Comité intercentros da CRTVG.

O Comité Intercentros da CRTVG alerta da precarización dos medios públicos galegos a través dun comunicado. Como exemplo, di que o pasado 13 de novembro a CRTVG servía a imaxe do partido de balonmán que enfrontaba Cangas co Barcelona, vixente campión de Europa, e que houbo fallos importantes.

“No transcurso desa retransmisión os medios técnicos que emprega a Corporación volveron verse comprometidos. O nulo investimento en sistemas para as retransmisións da como resultado o fallo no sinal”, indican.

Este erro tamén comprometeu a imaxe da Corporación xa que o sinal recibíano outras canles autonómicas, afirman.

Para abaratar custos, afirma o Comité intercentros,  a CRTVG substituíu o sistema vía satélite, “de maior calidade e máis custoso”, por un sistema que emprega a cobertura telefónica 4G. “Isto xerou que no transcurso do partido se perdese o sinal en varias ocasións, arredor de dous minutos, mais a interrupción mais longa chegou ata os dez minutos, algo televisivamente inaceptábel”.

Reiteradas denuncias

Estes problemas, prosegue o Comité, “sófrenos os compañeiros e compañeiras que se encargan da parte técnica das retransmisións”, e engade que  o órgano representativo do persoal puxo en coñecemento da dirección “en reiteradas veces” o que estaba a pasar.

Este erro tamén comprometeu a imaxe da Corporación xa que o sinal recibíano outras canles autonómicas, afirman.

“Dáse a circunstancia que despois da posta en marcha da plataforma dixital as unidades móbiles da CRTVG non se actualizaron e seguen tendo tecnoloxía de definicións stándar (SD), polo que non serven para a retransmisións en alta definición (HD)”.

O procedemento técnico que se fai é reescalar o sinal, din,  e dicir, “estirar” a imaxe que está en formato SD, ocupa 25% dunha pantalla actual, ata que ocupe o 100%, “coa conseguinte perda de calidade”.

Para o Comité, “este é outro paso mais cara a perda de calidade na encomenda de servizo público que ten como fundamento a CRTVG, que inflúe directamente na diminución de galegos e galegas que empregan os seus medios audiovisuais”.