O Comité de Defensa do Monte Galego chama a mobilizarse en Ourense pola vaga de lumes

O pobo de Vilar, en Folgoso do Courel, após o paso do lume. (Foto: Nós Diario)
A concentración decorrerá esta quinta feira ás 20.30 na Praza Maior da cidade.

O Comité de Defensa do Monte Galego vén de convocar unha concentración para esta quinta feira, ás 20.30 horas, na Praza Maior de Ourense, pola vaga de incendios que está a afectar a Galiza desde a pasada quinta feira.

Cartaz da convocatoria

A asociación, a través da plataforma SOS Ourense, fixo un chamamento á participación cidadá na manifestación "ante a situación desbordada dos numerosos lumes, algúns aínda activos, e ante a situación de abandono, imprevisión e caos por parte da administración responsábel".

Neste sentido, o Comité de Defensa do Monte Galego estende o seu chamamento a ·todos os colectivos e organizacións da contorna da cidade e dos concellos veciños.

O obxectivo é concentrarse "pola defensa dos nosos montes, das nosas aldeas, do noso medio".

"Desleixo e incompetencia" da Xunta

A convocatoria desta nova concentración, despois da organizada na terza feira por Adega en Ourense e Lugo, vén dada pola "situación de emerxencia pola vaga de incendios que están calcinando os montes, os ecosistemas de máis valor do país, casas, aldeas, instalacións, a desfeita económica, ecolóxica e social da Galiza".

O colectivo denuncia "o desleixo e a incompetencia da Xunta da Galiza, que abandonou as súas obrigas ao non ter os medios materiais, técnicos e humanos precisos, ao non ter realizados os traballos de prevención".

Para o comité, o Goberno galego mostrouse "incapaz de xestionar os montes de maneira axeitada", polo que chama a todas as persoas e colectivos para sumar as forzas precisas que permitan "mudar a situación de extrema gravidade que está sufrindo o país".