Comité da CRTVG pide que se investigue a “filtración” das palabras de Irene Montero sobre 8-M

Plató da CRTVG (arquivo).

A representación do persoal condena a “falta de honestidade” da dirección do medio público “ao rexeitar o uso dun material confidencial que xa difundiu nos seus informativos “.

O Comité Intercentros da Corporación RTVG esixe unha investigación “seria e independente” para clarexar a posíbel filtración desde os arquivos da televisión pública a un medio privado da previa dunha entrevista á Ministra de Igualdade, Irene Montero, na que facía uns comentarios confidenciais sobre as manifestacións do 8-M.

O Comité considera que os feitos “deterioran gravemente a credibilidade dos medios públicos da Galiza no caso de que non se aclare se ese material, procedente procedente de Euskal Telebista a través do intercambio de información da FORTA, se extraeu dos arquivos da CRTVG para cederllo ao diario ABC, quen se fixo eco do contido dos comentarios da ministra “off de record” en contra da praxe xornalística establecida”. 

Para a representación sindical, o comunicado emitido pola dirección da CRTVG sobre o caso “carece de honestidade ao asegurar que rexeita o uso de material confidencial cando as declaracións da previa se emitiron e difundiron sen pudor nos informativos da TVG”.

O Comité Intercentros lamenta que “a inacción da dirección para investigar os feitos permita que se cuestione a integridade dos xornalistas e profesionais da CRTVG, xa que non se está a aclarar a posíbel extracción dese material nin a identificar ás persoas que puideron participar nesa filtración usando material de titularidade pública para defender intereses particulares e partidistas, e concretamente no que parece unha estratexia de desgaste político construída a través deste caso polo Partido Popular”.