O comité da CRTVG denuncia "presións" ao cadro de persoal perante as municipais

[Comité interempresas da CRTVG]

Afirman que se están a promover as candidaturas do Partido Popular mentres ocultan as doutras formacións.

 

O comité interempresas da CRTVG emitiu un comunicado público para denunciar as "prácticas" que está a desenvolver a dirección da radio e televisión públicas de Galiza agora que se achegan os comicios municipais de maio. 

Neste senso, sinalan o "repunte da inxerencia dos mandos intermedios" no traballo do cadro de persoal para condicionar a focaxe das informacións e mesmo "para censurar a cobertura doutras". 

Desde o comité aseguran que a entidade está a promover as candidaturas do Partido Popular mentres se ocultas as doutras formacións políticas, un feito que denuncian por "inconstitucional". 

"Estas prácticas intolerábeis levan tempo sendo denunciadas polos propios xornalistas da canle pública a través do blog eunonmanipulo", aseguran. Porén, perante "a gravidade da situación" decidiron que sexa o comité quen denuncie publicamente unha "manipulación" que califican de "burda" e "constitutiva de delito". 

"Estas prácticas intolerábeis levan tempo sendo denunciadas"

Segundo @s representantes do cadro de persoal da CRTVG a non aprobación do Estatuto Profesional recollido na Lei dos medios públicos de comunicación de Galiza imposibilita que @s profesionais conten "cun mecanismo que evite as presións coas que teñen que traballar cada día" e que lles "garanta a liberdade e independencia no exercicio dos seus labores". 

Neste senso, reclaman á Xunta e ao Parlamento "non demorar nen un minuto máis" no desenvolvemento da devandita lei coa creación dun Consello de Informativos que teña por obxecto --segundo o previsto na lexislación-- "velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles".