O comité de CRTVG pide o cese dos responsábeis de Informativos e a dimisión do director xeral pola “censura” do premio José Couso

CRTVG

A representación legal do persoal da radio e a televisión públicas galegas afirma que houbo “orde expresa” do xefe de redacción, Luis Ojea, de non emitir a nova preparada sobre a concesión dese premio ao colectivo Defende A Galega.

O Comité de empresa da CRTVG esixe o cese dos máximos responsábeis dos informativos da televisión e a radio públicas de Galiza pola decisión de “censurar e ocultar en todos os seus espazos” a concesión do premio José Couso de liberdade de prensa a “Defende A Galega”. A representación legal do persoal da CRTVG pide tamén a dimisión do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, como “máximo responsábel” do que cualifican como “deterioramento dos medios públicos de comunicación”.

 

Nun comunicado, o comité afirma que puido constarar como a redactora encargada de elaborar os boletíns informativos da Radio Galega, “que levaban toda a mañá anunciando que se ía proceder ao fallo do premio” José Couso, recibiu “orde expresa do xefe de redacción, Luis Ojea, de non locutar no espazo informativo das 13 horas a nova que tiña preparada sobre a decisión”. Cando a redactora lle solicitou explicacións, Ojea amparouse nunha suposta “decisión corporativa”, sosteñen desde o comité.

 

A nova do fallo tivo ampla cobertura en medios galegos e estatais mais  ocultouse no resto dos espazos informativos da RG e tamén nos telexornais dese día da TVG, malia que tanto a radio como a televisión públicas cubriran a concesión deste galardón con total normalidade en anos anteriores”.

 

O comité informa que se dirixiu por escrito á Directora da Área de Información e Contidos da CRTVG, Concepción Pombo, para aclarar a orixe e a xustificación desta decisión, mais  non obtivo resposta.

 

O comité de empresa manifesta que a decisión de non informar do premio José Couso supón “unha vulneración do dereito fundamental á información”, e acusa a dirección da CRTVG de “antepoñer os seus intereses persoais ou partidistas á credibilidade do medio e ao deber que ten de informar verazmente á cidadanía”.

 

O comité, ademais sitúa este novo “grave episodio de manipulación” nunha “estratexia de negación e menosprezo” da dirección da CRTVG  con respecto á  “Defende a Galega”,  plataforma de traballadoras e traballadoras dos medios públicos que levan 48 semanas denunciando a manipulación informativa e o desmantelamento da TVG e da RG.