O toque de recoller adíase ás 23:00 horas na Galiza e os restaurantes poderán dar ceas até esa hora

Alberto Núñez Feixoo en rolda de prensa. (Foto: Xunta da Galiza)
Núñez Feixoo deu a coñecer as decisións adoptadas polo comité clínico e que serán de aplicación a partir desta sexta feira e recoñece "unha lixeira tendencia á suba" nos contaxios, nomeadamente na zona de Vigo. "Preocúpanos unha cuarta onda". 

Núñez Feixoo anunciou esta cuarta feira as catro medidas adoptadas polo Comité clínico e  que entrarán en vigor esta sexta feira, día 16:

- Galiza seguirá fechada perimetralmente "ante a tendencia de contaxios noutras comunidades" próximas ao noso país.

- Segue a apertura progresiva das residencias de terceira idade (nas visitas pásase de 2 persoas de referencia a visitas sen límite de calquera persoa, sempre con cita previa. Ademais, o usuario dunha residencia pode saír á rúa tres veces por semana)

- O toque de recoller atrásase ás 23:00 horas (agora está ás 22:00)

- Se ben para a hostalaría se mantén o peche ás 21.00 horas, nos restaurantes poderanse dar ceas até as 23:00 horas, mais hai que ter en conta que se debe chegar a casa ás 23:00.

Quen poderá dar ceas até as 23:00 horas?  Os locais ter licenza de restaurante, con reserva previa e deberán ter un rexistro de clientes. Ademais vai ter que ter controis da calidade do aire con medidores de CO2. 

O presidente incidiu en que se estas medidas de apertura ("pequenos pasos cara adiante", chamounas) van redundar nun aumento de contaxios, volveríase á fase de restricións.

Incidencia

Feixoo informou que a incidencia a 7 días é de 41,8 casos por 100.000 habitantes fronte aos 108,9 da media no Estado español. En 14 días Galiza ten 77,6 casos e a media española é 196,2 casos por cen mil habitantes. Resume a situación en que no Nadal había 7.136 casos activos e hoxe hai 2.400. Menos da metade.

Porén, recoñeceu unha "lixeira tendencia á subida" de casos após estas pontes de San Xosé e Semana Santa. Mais enfatizou que as medidas de restricións adoptadas funcionaron e parabenizou "os galegos e galegas" polo comportamento. 

Restricións en 31 concellos

O Comité clínico que asesora a Xunta acordou na súa xuntanza desta terza feira, 13 de abril, manter o nivel máximo de restricións para os concellos de Carballeda de Valdeorras, A Pobra do Caramiñal e O Grove. Neles, a hostalaría fica fechada, están prohibidas as reunións de non conviventes e o concello fica baixo feche perimetral.

Ademais, o comité de expertos determinou o estabelecemento do nivel alto de restricións en dez concellos galegosMonterrei, Cortegada, Padrenda, O Barco de Valdeorras, Rubiá, Barreiros, Carral, Boimorto, Boiro e A Illa de Arousa. O nivel alto implica que a hostalaría só pode abrir nas terrazas, con capacidade de 50%, até as 21 horas. Permítense reunións de até 6 non conviventes  no exterior e 4 en interiores. Instalacións deportivas, culturais e de culto non poden superar 30% de capacidade. Hai licerdade de mobilidade por todo o territorio, agás con concellos do nivel máximo.

Así mesmo, quedarán no nivel medio de restricións os municipios do Irixo, Trabada, Meira, A Pobra do Brollón, Muxía, Cambre, Ortigueira, Ribeira, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilanova de Arousa, As Neves, Gondomar, Vilaboa, Marín e Meaño. Este nivel implica que na hostalaría as terrazas non superen a capacidade de 50% e no interior 30%, até as 21 horas.

Permítense reunións até 6 non conviventes no exterior e 4 en interiores. As instalacións deportivas, culturais e de culto a non máis de 30%. Hai liberdade de mobilidade por todo o territorio, agás nos concellos do nivel máximo.

No resto dos concellos galegos, (onde vive 91% da poboación) estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo: Na hostalaría as terrazas con capacidade de 75% e no interior de 50%, até as 21 horas, permítense reunións até 6 non conviventes no exterior e 4 en interiores, as instalacións deportivas, culturais e de culto a 30%; e hai libre mobilidade, agás concellos do nivel máximo.