Sanidade deixa Mos e Cambados no nivel medio de restricións

O conselleiro de Sanidade durante unha comparecencia. (Foto: Conchi Paz / Xunta da Galiza)
Inicialmente, decidiuse que tivesen un nivel alto,canda outros 11 municipios

O comité clínico de expertos que asesora á Xunta en materia de coronavirus decidiu, finalmente, deixar os concellos de Mos e Cambados no nivel medio de restricións -o máis baixo- e non en nivel alto.

Así o confirmou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na última reunión. Segundo explicou, inicialmente barallouse que tanto Mos como Cambados quedasen en nivel alto. Con todo, esta mañá revisáronse os datos e, finalmente, quedarán en nivel medio. 

Segundo decidiu o comité clínico, a partir da 00:00 da sexta, incorporaranse ao nivel máximo de restricións os municipios de Paradela, Vilardevós e Pontecesures, un nivel que abandona Soutomaior.

A listaxe de municipios co máximo nivel de restricións complétase cos de Boborás e A Mezquita e o de Pobra do Brollón, onde o peche perimetral xa estaba vixente desde a pasada sexta feira.

Nestes seis municipios están prohibidas as reunións de non conviventes e tampouco está permitida a mobilidade fóra do concello, mentres que a hostalería debe permanecer pechada, agás o servizo de recollida e a domicilio.

Pola súa banda, Soutomaior pasa do nivel máximo ao alto de restricións, xunto a outros 10 municipios que son os pontevedreses de Ponte Caldelas e Vilanova de Arousa, os lucenses de Guitiriz, Lourenzá e Chantada e os coruñeses de Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado.