O comité clínico valora estabelecer o toque de recoller ás 23 horas

Control de mobilidade en Compostela durante o confinamento. (Europa Press)

Este cambio, que se perfila como probábel segundo fontes do comité clínico, non virá necesariamente acompañado dun aumento de horarios para a hostalería de forma inmediata, o cal como tal non figura na orde do día da reunión

O comité clínico que se reúne esta terza feira día 13 servirá para analizar a incidencia da pandemia por coronavirus despois dos festivos de Semana Santa nos que, en palabras do doutor Sergio Vázquez, que atendeu Europa  Press, "non se cometeron os erros" do Nadal, polo que Galiza está nunha situación "privilexiada" con respecto á media do conxunto do Estado.

En sentido similar se pronunciou o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia,  Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, quen afirmou que os datos de incidencia "son mellores" que "na media do resto do Estado", o cal atribuíu ás medidas de restrición aplicadas desde a "prudencia" en Galiza, a cal seguirá imperando nas decisións para dar pasos adiante aos poucos.

Riba da mesa do debate deste comité estará a ampliación do toque de recoller ás 23 horas, xa que actualmente está fixado na Galiza ás 22. Pero este cambio, que se perfila como probábel segundo fontes do comité clínico, non virá necesariamente acompañado dun aumento de horarios para a hostalería de forma inmediata, o cal como tal non figura na orde do día da reunión.

En declaracións aos medios esta segunda feira en Ourense, Alfonso Rueda manifestou que non haberá "sorpresas" nas medidas que se adopten, aínda que asegurou que a Xunta "cumprirá o que sempre dixo, que se as cousas van mellorando, tamén irán afrouxándose" as restricións.

Con todo, recoñeceu que o actual horario do toque de recoller supón que a hostalería "practicamente ten imposibilitado o servizo de ceas", pero advertiu de que "aínda que haxa avances", non serán "espectaculares".

"De nada serviría", dixo, falar dun gran paso en canto ao aumento de liberdades, "aumentar horarios, falar de levantamentos de perímetros ata que non haxa moitísima máis seguridade" polo que se hai avances, "serán avances prudentes".

Pola súa banda, o doutor Sergio ‘Tato’ Vázquez augurou que nos próximos días ou semanas haberá " fluctuacións" na incidencia do coronavirus que son de esperar, pero apuntou que Galiza parte dunha situación "privilexiada" con respecto a outros territorios.

Así, en declaracións a Europa  Press, sinalou que o escenario é "unha boa situación", algo que achacou a que "non se cometeron os mesmos erros que en Nadal", senón que "se mantiveron as restricións". "A ver se nos permiten (os datos) tomar algunha medida, como o toque de recoller ás 23 horas", apuntou, quen indicou que riba da mesa non está agora mesmo o cambio de horario na hostalería.

"Por agora non o falamos", sinalou, para significar, a continuación, que en todo caso todas as decisións sempre van estar condicionadas polos datos que se analicen esta terza feira.

O doutor Sergio Vázquez destacou, sobre a eventual discusión sobre a apertura da hostalería máis aló das 21:00 horas, que "a sociedade galega está a demostrar ser moi responsábel" e que a hostalería "cambiou a súa maneira de actuar" e "é máis responsábel do que era antes, porque se xoga moito".