O comité clínico programa unha nova reunión ás portas da Noitevella

Rolda de prensa do comité clínico o pasado 22 de decembro (Foto: Xunta).
O comité clínico reunirase esta segunda feira para avaliar posíbeis restriccións a tres días da Noitevella

Após dous días nos coa taxa de positividade das PCR disparada, o comité clínico que asesora á Xunta na toma de decisións no marco da pandemia volverase reunir maña, 28 de decembro, a tres días de Noitevella, para analizar a incidencia do coronavirus na Galiza após as primeiras celebracións do Nadal.

Os datos publicados hoxe pola Consellaría de Sanidade "preocupan" ao seu titular, Xulio García Comesaña, xa que presentan o segundo valor máis alto desta segunda vaga, 8,4% de positividade, e están moi por riba do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) como límite para dar por controlada a pandemia.

Durante unha comparecencia ante os medios tras o inicio da campaña de vacinación contra a covid-19, Comesaña admitiu que hai un aumento da taxa de positividade, pero que iso "tamén depende de se se fan máis cribados ou menos".

En calquera caso, avanzou que este luns o comité clínico estará "pendente" destas cifras, así como das de contaxios durante os primeiros días do Nadal, nos que de feito se aliviaron as restricións postas desde a Xunta. Iso si, o titular de Sanidade non quixo adiantar se os datos levarán ou non medidas máis duras contra a pandemia.

Menos PCR

Preguntado sobre a baixada das PCR realizadas nas últimas xornadas, xa que nos datos de Sanidade deste domingo figuran unhas 3.000 ─a metade que as practicadas o día anterior─, Comesaña xustificouno con que esta actualización recolle cifras da xornada de Nadal.

"O número, contrariamente, foi especialmente alto para as datas nas que estamos. É certo que as PCR que saen hoxe no informe corresponden ao día de Nadal e, loxicamente, baixan lixeiramente", explicou, á vez que destacou que nos días previos a Noiteboa as probas "foron crecendo" todos os días grazas ao rexistro de viaxeiros que chegaron a Galiza e ao dos estudantes que volveron ao seu domicilio familiar.

A continuación, o conselleiro prometeu que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) seguirá facendo PCR "ao máximo" da súa capacidade actual, ademais dos test de antíxenos que xa se practican na Atención Primaria e nos servizos de urxencia dos hospitais.