O comité clínico abordará a posibilidade de retirar as restricións na hostalaría

Terraza dun local de hostalaría en Vigo. (Foto: Marta Vázquez/Europa Press)

Tamén tratará a continuidade do pasaporte Covid e o emprego das máscaras en centros educativos.

O comité clínico que asesora a Consellaría de Sanidade reunirase na tarde desta terza feira para aboradar a posibilidade de que a Xunta retire as restricións no ámbito da hostalaría, amparándose na evolución epidemiolóxica da Galiza.

O doutor e membro do comité clínico Pedro Rascado apuntou en declaracións a Europa Press que, ademais deste tema, tamén tratarán a continuidade do pasaporte Covid e o emprego das máscaras en centros educativos.

Para Rascado, "neste momento o importante é a información" para que a poboación "entenda os riscos que asume". O sanitario defendeu que as restricións manteranse mentres sexa necesario, en función da súa necesidade e beneficio.

Ante a proximidade do entroido, o membro do comité clínico fixo un chamamento a "actuar con sentido común" para "protexer os máis vulnerabeis". Lembrou que nas reunións no interior dos domicilios non existen limitacións, polo que hai máis risco "canto maior é o número de comensais da mesa".

Continuidade do pasaporte Covid

En canto ao pasaporte Covid, estimou que "nunhas semanas" podería chegar a súa fin na Galiza. "Funcionou e segue a funcionar" para evitar contaxios, " mais ten os días limitados", admitiu o doutor.

O comité clínico porá enriba da mesa a posibilidade de manter a súa vixencia máis alá do 26 de febreiro. Porén, Pedro Rascado matizou que o cambio ou adopción de novas medidas "valorarase en conxunto coa incidencia".

Neste sentido, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que "imos esperar ao que di o comité clínico" para estudar a eliminación do emprego do pasaporte Covid para acceder aos locais da hostalaría. 

Máscaras nos colexios

Para o membro do comité clínico, é "razoábel" a recomendación de que as crianzas manteñan as máscaras postas nos patios exteriores dos centros educativos, xa que "se as sacamos sabemos que hai máis risco de contaxios".

En canto á petición da retirada paulatina das máscaras no interior das aulas, defendida por colectivos de pediatría, Rascado insistiu en que debe terse en conta ao equipo docente dos centros educativos e non só ao alumnado para analizar "en que momento se poden retirar".

O facultativo abogou polo uso das máscaras. "Sabemos que funcionan e o maior número de contaxios prodúcese no interior, con máis risco para os non vacinados, maiores e inmunodeprimidos".