O comité clínico invita a ficar na casa malia que mañá poida anunciar melloras na mobilidade

Clientela nunha terraza na cidade de Ferrol. (Foto: Mero Barral / Europa Press)

O grupo de expertas e a Xunta afrontan mañá un encontro decisivo antes da festividade de San Xosé e a Semana Santa. Cabe a posibilidade de que muden os horarios de apertura da hostalaría, se ben o doutor de Medicina Intensiva, Pedro Rascado, incide na importancia de lembrar que “a maior mobilidade, maior risco”.

Esta terza feira haberá unha nova reunión de traballo entre as expertas do comité que asesora á Xunta sobre a evolución da pandemia e, tal e como se comentou a semana pasada, agárdanse novidades tanto no que se refire á mobilidade como aos horarios nos que terá permitido abrir a hostalaría. Porén, semella que hai preocupación en parte dos especialistas, que apostan na prudencia.

Na xornada previa sábese que as e os membros do comité e responsábeis da Consellaría de Sanidade retomarán un documento de medidas co que xa traballaron a finais do ano pasado que baseaba a toma de decisións en función da incidencia do coronavirus en cada concello.

Este cambio de estratexia permitirá acabar con algunhas situacións entendidas como inxustizas porque municipios con case 250 positivos por cada 100.000 habitantes a 14 días estaban coas mesmas prohibicións que localidades nas que non se detectou ningún caso nos últimos sete días.

Ese informe marco, do que falou o conselleiro Julio García Comesaña, baseábase en catro niveis de afección do virus que, en paralelo, implicaba diferenzas para o empresariado da hostalaría e para as actividades permitidas.

Iso implica que haberá concellos nos que a cidadanía teña máis posibilidades de viaxar ou máis liberdade de gozar dos bares e os comercios, entre outros servizos. Agárdanse que os anuncios dos diferentes graos e permisividade cheguen entre mañá e a cuarta feira.

Con independencia das decisións ás que se chegue mañá, non se descarta que se produza unha cuarta onda de contaxios. Expertos como Pedro Rascado, doutor de Medicina Intensiva e membro do comité, sosteñen que segue a existir “risco” a pesar de que os datos son relativamente favorábeis.

“A maior mobilidade, maior risco”, sinalou o médico en declaracións a Europa Press. Por iso, remarcou: “Con independencia da mobilidade permitida, debemos limitala e desprazarnos polo que sexa máis ou menos imprescindíbel”.

Non é "obrigatorio"

“Malia que algo estea permitido, non significa que teñamos que facelo de maneira obrigatoria”, incidiu, chamando á “responsabilidade individual”. Ademais, dáse a circunstancia de que, salvo cambios, as medidas entrarían en vigor na medianoite da sexta feira, o primeiro día da ponte de San Xosé.

“Despois dun ano, sabemos como se comporta o virus, temos que ser prudentes na desescalada e na nosa actitude vital e habitual”, afirmou.

En calquera caso, non haberá movementos de fóra ou cara fóra da Galiza posto que esa decisión xa se tomou a semana pasado no comité interrexional de saúde. Pola contra, vaise estudar unha variación do toque de recoller.