O comité clínico decidirá novas restricións ante a suba "explosiva" e revisará medidas de grandes eventos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, alerta do incremento da incidencia na mocidade (Foto: Europa Press)
En declaracións aos medios, o conselleiro de Sanidade fixo de novo un chamamento especial aos mozos e mozas a que acudan aos cribados

(Haberá ampliación)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que o comité clínico que se reúne esta terza feira e que asesora á Xunta na toma de decisións na xestión da pandemia "modelará" o nivel de restricións á situación epidemiolóxica actual, e á suba "explosiva" de casos. Entre outras posibilidades non se desbotan medidas nos grupos de persoas e tamén se revisarán as medidas dos grandes eventos.

En declaracións aos medios, Comesaña fixo de novo un chamamento especial aos mozos e mozas a que acudan aos cribados poboacionais que está a convocar o Sergas, ante a baixa participación que se detectou destes grupos.

Comesaña dixo que "calquera agrupación de persoas preocúpalles", polo que indicou que se "analizarán" todas as medidas e actuacións previstas, aínda que dixo que por exemplo nos concertos a distancia de seguridade e os controis de aforamentos e accesos "dá máis garantías" que as concentracións nas rúas.

O conselleiro de Sanidade tamén destacou que a semana pasada, coa reapertura do lecer nocturno nos concellos cun nivel medio de incidencia, impúxose tamén o requisito dun test negativo ou certificado de vacinación para acceder aos locais. Esta medida que se poderá tamén estudar para outro tipo de eventos, dixo.