O Comité Clínico sobre a evolución da Covid: "Os datos son para comezar a estar preocupados"

Un home sentado nunha rúa do Grove o día que comezara o fechamento perimetral. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O especialista en medicina intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e membro do grupo que asesora a Xunta sobre a evolución da pandemia, Pedro Rascado, recoñece que "non se pode minimizar o problema". Ourense ten unha incidencia de máis de 500 casos e as áreas sanitarias da Coruña, Lugo e Vigo están nos niveis de risco alto como é o caso de Pontevedra. As e os expertos analizarán polo miúdo todos os datos de contaxios e non descartan anunciar novas restricións na terza feira.

O avance dos contaxios da Covid-19 na Galiza, que parecen impulsar esa quinta onda da que falan as e os expertos, podería facer que o Comité Clínico que asesora á Consellaría de Sanidade sobre as medidas a tomar ante a evolución epidemiolóxica teña que tomar decisións drásticas na reunión de traballo desta terza feira.

O especialista en medicina intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Pedro Rascado, que é membro dese grupo alerta de que a incidencia do coronavirus a 14 e, sobre todo, a 7 días é como para "comezar a estar preocupados".

Baixo o seu punto de vista, que explicou en declaracións a Europa Press, o facultativo pensa que vistas as cifras "non se pode minimizar o problema". A través desa afirmación fixo alusión ao principal segmento da poboación galega que está a infectarse nestes momentos.

Di que a incidencia está a subir "dunha maneira diferente a ondas anteriores, porque a poboación afectada é diferente" e que a Administración terá que actuar en consecuencia. Malia que a priori teñen un "menor risco" que as persoas maiores, co contaxio da mocidade "hai un risco importante, non podemos minimizar o problema e pensar que non teñen complicacións".

A este respecto, Rascado subliña que a enfermidade "pode complicarse" para calquera persoa. Iso si, tamén recoñece que a presión asistencial e a afección non é comparábel a das franxas de poboación de maior idade, polo que se actuará en consecuencia.

"As medidas e os niveis poden non ser iguais. Non sendo iguais, non podemos pensar que non é un problema. É unha situación preocupante, hai que frealo antes de que siga adiante e teña unha repercusión asistencial", aclarou.

Polo tanto, está previsto que no encontro se analicen polo miúdo os datos por concellos e por áreas sanitarias. Por exemplo, Ourense ten unha incidencia de máis de 500 casos e as áreas sanitarias da Coruña, Lugo e Vigo están nos niveis de risco alto como é o caso de Pontevedra. A partir desa análise haberá decisións máis ou menos prohibitivas porque "durante este ano aprendemos todas as posibilidades de medidas máis ou menos restritivas, de capacidades, fechamentos, e outras que afectan a dereitos individuais".

"Todas as que vimos son medidas que funcionaron. Dun momento a outro haberá que expolo, sempre da maneira máis cirúrxica posible. Todas as medidas que se viron efectivas están enriba da mesa", resumiu.