O comité clínico estudará posíbeis "desescaladas" en función da evolución epidemiolóxica

Paseo marítimo de Sanxenxo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Sanidade quere ser "optimista" ante o decenso de infeccións activas e a diminución dos contaxios novos, dous indicadores que se mantiveron á alza durante case todo o mes de xullo.

O comité clínico de expertos que asesora á Xunta no marco da pandemia pola Covid-19 avaliará na súa reunión desta semana, prevista para esta terza feira, se mantén as medidas de restrición acordadas hai sete días ou propón "desescaladas" en función da situación epidemiolóxica.

Así o explicou o xerente do Sergas, José Flores, a preguntas dos medios nun acto no Hospital Clínico de Santiago, quen puntualizou que "o comité clínico este último mes vai collendo unha liña un pouco diferente á do comezo da pandemia", xa que "a situación dos hospitais non é a mesma" que en ondas anteriores. "Non ter tanto impacto a nivel hospitalario ten que condicionar a repercusión a nivel da sociedade galega", abundou.

Así, o xerente do Sergas asegurou que "as medidas van ir na mesma liña". "Imos seguir aplicando os mesmos criterios que nas dúas últimas semanas. Pensamos que poderemos empezar a pensar en manter esas medidas ou mesmo desescaladas en función da situación que estamos a ver nos últimos días", sostivo.

A curva deixa de crecer

Sobre a evolución da situación epidemiolóxica, Flores sinalou que van "dous ou tres días" nos que parece "que a curva se empeza a aplanar". "Queremos ver de forma optimista que empezan a descender os casos activos, o balance entre as altas epidemiolóxicas e casos novos está en negativo, cousa que non ocorreu durante case todo o mes de xullo; apareceron todos os días sempre en positivo e con números moi elevados", explicou.

Por iso, asegurou que de cumprise "as expectativas da incidencia acumulada" o "pico máximo" rexistrarase "na primeira semana de agosto".

De feito, segundo os datos da pandemia actualizados pola Consellaría de Sanidade esta segunda feira, os novos contaxios baixaron por primeira vez do millerio desde o 20 de xullo e os casos activos reducíronse, tras se incrementar o domingo despois dun lixeiro descenso o sábado despois de máis dun mes de suba continuada.

Maior impacto entre a mocidade

Preguntado sobre se a quinta será a última vaga da Covid, o xerente do Sergas, admitiu que se descoñece. "Sempre pensamos que é a última; e ponse algún mecanismo máis que na anterior para reducir o impacto na sociedade", sinalou.

Neste sentido, incidiu en que "a vacinación parece que ten o seu resultado". E lembrou que este verán esa mocidade que aínda non está inmunizada contra a Covid a que concentra maior número de casos.

Vacinación

Doutra banda, Flores asegurou que as vacinas contra a Covid-19 repartidas polo Ministerio de Sanidade "limitan a capacidade de vacinación" na Galiza. "Hai que conseguir que quen leva a primeira reciba  a segunda en tempo e forma", abundou.

S