Cambios no nivel de restricións nos concellos: medias e altas para 30 municipios e Beade seguirá fechado

Foto da xuntanza de Núñez Feixoo cos conselleiros de Sanidade e Política Social.

As mudanzas faranse efectivas a partir da madrugada da quinta á sexta feira.  O conselleiro de Sanidade incide na necesidade de seguir a vacinar "a toda máquina". 

Galiza implantará en abril un certificado de vacinación ou probas Covid antes do 'pasaporte verde' da UE

(En ampliación)

O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, anunciou cambios no nivel de restricións por concellos, unhas variacións propostas polo Comité clínico e que entrarán en vigor na madrugada entre esta quinta feira e esta sexta feira.

Así, Beade mantense no nivel máximo de restricións. 

O nivel de máximas restricións afecta os concellos que teñen unha incidencia de máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes e supón o fechamento total da hostalería (só servizo a domicilio e para levar), o fechamento perimetral municipal e reunións limitadas a conviventes tanto en espazos privados como públicos.

En nivel alto sitúanse os concellos de Abengondo, Baiona, Cortegada, O Irixo, Ortigueira, Padrenda, Pazo de Borbén, A Pobra do Brollón, Rábade, Sanxenxo e O Saviñao. 

Este nivel aplícase a concellos cunha incidencia entre 250 e 500 casos por cada 100.000 habitantes. Neste caso, a hostalería estará aberta até as 21 horas pero só con terrazas cunha capacidade do 50%. Están permitidas as reunións dun máximo de seis persoas en exteriores e mais a mobilidade en toda a Galiza, excepto nos municipios con nivel máximo de restricións.

En nivel medio estarán Vilardevós, Celanova,  O Carballiño, Ribadavia, Xinzo, Cangas, Moaña, Gondomar, Meis, Bergondo, Boimorto, Carral, A Coruña, Laracha, Arteixo, Betanzos e Camariñas.

Aplícase a concellos cunha incidencia entre 150 e 250 casos por cada 100.000 habitantes. Nestes territorios a hostalaría terá unha capacidade de 50% en terraza e 30% en interiores, os bares estarán abertos até as 21 horas e poderanse reunir até un máximo de seis persoas en exteriores e até catro en interiores nos locais de hostalaría. Permítese a mobilidade en toda Galiza, excepto nos municipios con nivel máximo de restricións.

O titular do departamento de Sanidade tamén informou que hai 192 casos de variante británica e só un da variante surafricana. Polo de agora, indicou, non hai ningunha variante máis en estudo. 

O conselleiro informou que na Galiza dispensáronse 462.095 doses. Hai 166.556 persoas cunha dose e 147.759 que xa recibiron as dúas

Certificado de vacinación

García Comesaña anunciou que o Sergas emitirá un certificado dixital de vacinación. Un documento que permitirá coñecer as vacinas e probas da persoa no marco da pandemia.

Galiza implantará en abril un certificado de vacinación ou probas Covid antes do 'pasaporte verde' da UE. Un certificado para acreditar a vacinación ou estar en posesión de probas de coronavirus que certifiquen a superación do virus ou que a persoa ten un test negativo. Será un ensaio que permitirá contar cunha acreditación xa previa ao certificado verde que prepara a Unión Europea para todos os países co fin de facilitar a mobilidade.

Avanzouno o conselleiro de  Sanidade, que explicou como funcionará este certificado, que contará cun código  QR para a autenticación dos datos, estará  disponíbel en primeiro lugar para os vacinados e poderase consultar nas aplicacións sanitarias ( pass  covid e nas aplicacións do Sergas) e tamén se poderá imprimir en formato papel.