O comité clínico chama a extremar precaucións para evitar a cuarta onda

Varias persoas nunha terraza en Sanxenxo (Imaxe: Beatriz Ciscar / Europa Press)

Cos efectos de Semana Santa pendentes de medir, as autoridades apelan a que a  responsabilidade individual impida o empeoramento da situación

Transcorridos tres días desde a fin da Semana Santa e máis de dúas semanas da ponte de San Xosé, a Galiza mantense, segundo di o comité clínico que asesora a Xunta, nun momento de "meseta" en canto á detección de novos casos de coronavirus que presenta unha evolución con "lixeira" tendencia "descendente" que, en todo caso, só seguirá esa senda se os comportamentos individuais mantidos até a data se manteñen. Esta é a diagnose ofrecida esta cuarta feira, 7 de abril,. en rolda de prensa polo comité de expertos da Consellaría de Sanidade coa "fotografía fixa" da pandemia ao 7 de abril e ante a incógnita, pendente de despexar, de como afectará a Semana .

Porén, o certo é que os datos da Consellaría ofrecidos esta cuarta amosan que os casos activos da Covid-19 seguen en aumento na Galiza desde o inicio da semana e sitúanse en 2.233, así como tamén os novos contaxios, que repuntan a 181, mentres que a presión hospitalaria alíviase e descenden a 188 os pacientes ingresados, 21 menos.

Coa variante británica copando 95% dos casos que se diagnostican na Galiza, o comité clínico insiste na responsabilidade individual da poboación para evitar unha cuarta onda que xa asoma en varios territorios do Estado onde se deu un aumento da incidencia acumulada.

Ante o predominio da variante británica, que "permite máis o contaxio", Sanidade e o seu equipo asesor remarcan a necesidade de cumprir as medidas de prevención, especialmente ante a chegada do bo tempo que suporá un incremento das interaccións sociais. Todo iso co obxectivo de evitar a cuarta onda á espera de coñecer o alcance da Semana Santa.

Incidencia

A Galiza mantense esta cuarta feira cunha incidencia acumulada que se move nos valores das últimas semanas, cunha taxa de entre 32 e 34 casos por cada 100 habitantes a sete días e ao redor dos 66 casos no dato a 14 días, segundo datos fornecidos até as 8 horas deste 7 de abril en que a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Parrondo, repasou os principais parámetros da pandemia nunha rolda de prensa en que acompañou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Outro dos elementos positivos é o número de concellos sen casos de Covid-19, que aumentan tanto no valor a 14 (+2) como a 7 días (+10). Así, son 142 os municipios que non diagnosticaron  contaxios nas últimas dúas semanas e 189 os que non contabilizan casos de Covid-19 no últimos sete días.