A comisión de investigación sobre o 'Pitanxo' móstrase favorábel a baixar ao pecio

Pesqueiro na zona do naufraxio do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Forzas Armadas do Canadá)

A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) -dependente do Ministerio de Transportes- considera que a inspección do pecio, afundido a 450 quilómetros de Terra Nova (Canadá) o pasado febreiro, "podería contribuír a contrastar algunhas das informacións recibidas e obter outros datos ou detalles de interese para a investigación".

Nun escrito publicado este mes pola Ciaim, explícase que se iniciaron consultas para determinar os medios técnicos necesarios e o custo da baixada ao pecio. Precisamente, este mes a Audiencia Nacional asumiu a competencia da causa xudicial por este sinistro.

O xuíz Ismael Moreno emitiu unha providencia na que se empraza a Ciaim para que informe sobre a posibilidade e utilidade de acceder ao pecio.

Así mesmo, a Ciaim sinala neste documento que, durante estes meses, traballou "na recompilación de evidencias documentais e toma de declaracións". "Aínda non é posíbel estabelecer hipóteses ben fundamentadas sobre as causas deste accidente, que se determinarán ao finalizar a investigación", agrega.

Igualmente, para contrastar diferentes hipótese aposta por facer ensaios con maquetas do buque en laboratorio para reproducir as condicións do naufraxio, o cal se fará no Centro de Experiencias Hidrodinámicas do Pardo (Cehipar), pertencente ao Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA).

Ademais, avoga pola elaboración dun estudo de clima marítimo para coñecer con detalle as condicións marítimas e meteorolóxicas no momento do accidente e nos días previos. Este estudo encargouse ao Centro de Estudos de Portos e Costas (Cepyc) do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex).

As familias, "satisfeitas"

As familias do 'Vila de Pitanxo' levan meses reclamando ao Goberno español que se envíe un robot para inspeccionar o pecio co fin de axudar a investigación.

En relación con este escrito da Ciaim, a portavoz das familias, María José do Pazo, quéixase de que os familiares non fosen "informadas" a respecto diso, pero móstranse "satisfeitas" de que "mesmo a Ciaim sexa favorábel á baixada ao pecio e á súa inspección".

"Ponse de manifesto que a petición das familias das vítimas do 'Vila de Pitanxo' sempre foi fundada na legalidade, e na viabilidade da operativa, como así afirmaron todos os expertos consultados", sostén.

"Esperamos que a Ciaim se manifeste en sentido afirmativo na baixada ao pecio, como resposta ao xuíz da Audiencia Nacional, sería o congruente despois do publicado o día 5 de setembro", agrega.