A Comisión Europea afirma "non estar ao corrente" da ilegalización de Causa Galiza

Parlamento europeo

Vera Jourová, comisaria europea de Xustiza, afirma en resposta á pregunta de BNG e EH Bildu en Bruxelas, que son os estados aos que lles compete garantir o respecto aos dereitos humanos e garantías legais.

A Comisión Europea, integrada por un colexio de comisarios -un de cada país membro- e presidida por Jean -Claude Juncker, lava as mans a respecto das detencións de 9 independentistas galegos na 'Operación Jaro' e a suspensión de actividades de Causa Galiza pola Audiencia Nacional. A checa Vera Jourová, comisaria europea de Xustiza, afirma que a Comisión “non está ao corrente” destes feitos. Responde así á pregunta formulada a finais de setembro por 'Os Pobos deiden', a coligazón europea da que fan parte BNG e EH Bildu, e na que se falaba de ““vulneración de dereitos” no proceso contra os 9 independentistas galegos e posterior suspensión de CG.

Jourová mantén que “compete unicamente” aos estados membros garantir a observancia das súas obrigas e compromisos en materia de dereitos fundamentais derivados de acordos internacionais e o seu propio dereito. Desde 'Os pobos deciden' expoñían que a ilegalización ou suspensión de organizacións políticas constituía unha vulneración da Carta dos dereitos fundamentais de Europa. Non o ve deste xeito a Comisión Europea, que indica que eses dereitos “están dirixidos aos estados membros unicamente cando apliquen o dereito da Unión”.

A pregunta en Bruxelas enmárcase na campaña de denuncia perante as institucións impulsada polas persoas encausadas na Operación Jaro. No marco da mesma, o operativo ordenado pola Audiencia Nacional e a suspensión de actividades da organización independentista tamén vai ser albo de debate no Parlamento de Galiza.