Planeta famento: unha de cada oito persoas non ten que levar á boca

Ao ouvirmos esta afirmación da FAO, non cómpre pensar nun país empobrecido. Na Galiza hai 600 mil persoas viven na pobreza, 111.305 sofren privación material severa e unha de cada cinco crianzas vive nun fogar pobre. Datos que propoñen unha reflexión sobre o que as familias do mundo gastan en comida, e en que tipo de produtos invisten eses cartos para valorarmos se reducir a dependencia dos (super)mercados rebaixaría tamén os índices de pobreza

 

Do Ecuador a Bosnia, e de Bhutan aos Estados Unidos. Hai sete anos, o fotógrafo Peter Menzel presentou o libro Hungry Planet, un percorrido polas mesas de 30 familias que procuron en 24 países para coñecer que cantidade de comida consumían nunha semana, e cal era o gasto deses alimentos. O resultado permite comprobar como nunha comunidade indíxena ecuatoriana unha familia de nove persoas gasta 20€ en comer, entrementres en Alemaña nunha vivenda de catro inquilin@s se destinan 375€ á comida.

Para alén das diferencias atribuíbeis ao nivel de vida en cada territorio, a razón última da fenda que hai entre o que se destina á comida aparece retratada nas imaxes das propias familia. Nos países ricos non hai produto fresco; por non haber, apenas hai auga. Nos empobrecidos o que non hai son alimentos envasados nin manufacturados.

Esta terza feira foi o Día internacional da alimentación. Os datos da FAO din que unha de cada oito persoas pasa fame. En total, son 870 millóns as persoas que non teñen que levar á boca. Non cómpre pensar nesa comunidade indíxena ecuatoriana con núcleos familiares de nove persoas. Na Galiza, 600 mil persoas viven na pobreza, 111.305 sofren privación material severa e unha de cada cinco crianzas vive nun fogar pobre. As cifras son da Rede galega contra a pobreza.

Máis alimentos e peor repartidos

Os informes da FAO din que a produción de alimentos desde os anos 60 até hoxe se multiplicou por tres, entrementres a poboación mundial só se duplicou. Hai comida dabondo para garantir que ninguén pase fame, mais o control da produción, distribución e consumo de alimentos en mans de grandes multinacionais --10 empresas controlan o 76% das sementes no mundo; e no Estado español o 75% da distribución de comida está en mans de sete nomes-- convirte a comida en mercadoría e determinan o que comemos. Hai comida. Falta logo ter acceso a ela.

Na Galiza, sen irmos máis lonxe, cada ano que se pecha hai 50 mil pobres máis. Respecto do conxunto do estado, no noso país hai un 4% máis de persoas que sofren privación material severa. Tal privación detéctase cando a familia 'cumpre' catro dos nove requisitos que seguen: vivir de alugueiro, non ter calefacción, non poder comer proteínas cando menos tres veces por semana, non ter capacidade para afrontar gastos imprevistos, non ter carro, nin lavadora, nin teléfono e que gozar dunha semana de vacacións ao ano sexa un luxo imposíbel.

Só o 10% da poboación está fóra do risco de ser pobre

Na beira oposta situaríase o 10% de persoas que fican fóra do alcance das gadoupas da crise --o outro 90% vivimos en risco de pobreza--, e que fai subir as cifras do consumo de bens de luxo, como embarcacións, carros de alta gama e roupa de deseño. Aproveitando que quedan catro días para a cita que o pobo galego ten coas urnas, a Rede galega contra a pobreza pretende arrincar dos candidatos á Xunta e dos partidos que optar a ter representación parlamentar unha serie de compromisos.

Así, exixen unha loita efectiva contra a fraude fiscal porque "non é verdade que non haxa recursos". O PIB somerxido na Galiza --26,3%-- e no estado --23,3%-- duplica a media europea --13%--. Reducilo en 10 puntos aumentaría os ingresos en case 3 mil millóns de euros cada ano --2.796 millóns, segundo os datos do Gestha, o persoal técnico de Facenda. 

Para alén de que se garanta unha rede de servizos públicos que cubran dereitos como a vivenda digna ou a sanidade gratuíta, chaman para que se garanta tamén o acceso a unha renda mínima de 600 euros para as persoas con cargas familiares "e non desde un punto de vista asistencialista", para alén de mirar porque ningunha persoa pensionista (sobre)viva por debaixo do limiar da pobreza.