Comezan as dimisións das directivas de centros educativos polas condicións deste curso

Persoal do instituto de Adormidereas amosa a situación de espazo nunha aula. (Foto: IES Adormideras)
O equipo do IES Plurilingüe de Adormideras, na Coruña, presentou a súa renuncia tras sentir o "menosprezo á comunidade educativa". Así mesmo, denuncia que os cambios son continuados e dificultan a organización.

O malestar na comunidade educativa polas formas da Xunta e da Consellaría de Educación para organizar o inicio do curso lectivo non é un segredo. Tanto é así que xa chegou a primeira dimisión de todo un equipo directivo dun centro de educación secundaria. Neste caso, marcharon do cargo as e os responsábeis do IES Plurilingüe de Adormideras, no concello da Coruña.

A decisión tivo lugar despois de que se adiará unha semana a data oficial para o regreso ás aulas e de que o conselleiro Román Rodríguez advertise que os inspectores e autoridades sanitarias terían a potestade de decidir os desdobres precisos para dar todas as garantías de seguridade.

O que máis preocupa é que se manteña o metro e medio de separación entre os alumnos.

O representante da Xunta mesmo invitou onte ás directivas a "profundar" en medidas presentadas no Consello Escolar da Galiza, como a semipresencialidade e a colocación de biombos nas aulas para poder sortear o metro e medio de separación.

Neste contexto tan complexo, a directiva do IES de Adormideras renunciou. De feito, era un dos dous centros da Coruña que se sumara á decisión de oito institutos compostelás (e, posteriormente, centros de Pontevedra) de adiar o inicio do curso pola súa conta ante a falta de capacidade para organizarse sen respostas do Executivo de Feixoo.

A xa ex directiva denunciou "o menosprezo" que está a padecer a comunidade educativa cos "continuos cambios no protocolo contra a Covid-19". "E todo co vello obxectivo de sempre: non contratar máis profesorado e non gastar un duro no ensino público", subliñan nun comunicado.

Ao traste co traballo feiro

A representante da Asociación de Directores de Institutos de Galicia, Isabel Ruso, recoñeceu a Europa Press que o panorama "cambiou en diferentes ocasións", o que anulou o traballo feito até o momento.

Os institutos terán que "reconsiderar" o novo curso coa opción das mamparas e a semipresencialidade, no caso de que así sexa demandado, porque agora a inspección educativa ten "o peso" da decisión final.