Xustiza

Comeza a deliberación do xurado popular no xuízo contra o autor confeso do triplo crime de Valga

José Luis Abet, autor confeso do triplo crime de Valga (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
O escrito fiscal apunta que o acusado "carecía de calquera tipo de permiso" de armas no momento dos crimes, e que "quixo expresamente que os seus fillos menores de idade presenciasen como mataba a súa ex muller".

O xurado popular encargado do xuízo polo triplo crime de Valga atópase xa reunido para deliberar sobre o veredicto sobre José Luis Abet, autor confeso do crime da súa ex muller e da nai e irmá desta.

O inicio da deliberación dos membros do xurado arrincou no mediodía desta terza feira despois dunha mañá en que as partes se dedicaron a acordar o obxecto do veredicto sobre o que terán que pronunciarse, segundo fontes xurídicas consultadas.

Así pois, o proceso contra Abet, acusado de tres delitos de asasinato, un delito de tenencia ilícita de armas e dous delitos de lesións psíquicas graves; encara a súa recta final despois un xuízo decorrido a porta fechada como medida de protección cara aos fillos da ex parella, que presenciaron como o seu pai mataba a tiros a súa nai en setembro de 2019, cando tiñan 4 e 7 anos.

A deliberación do xurado popular iníciase así catro días despois do inicialmente previsto, xa que o plan inicial situaba este paso a finais da semana pasada. Con todo, a alteración do informe da defensa coa inclusión da atenuante analóxica de confesión tardía moveu á segunda feira a presentación das conclusións e a esta terza feira a elaboración do obxecto do veredicto.

Ao longo da pasada semana, na Audiencia de Pontevedra prestou declaración a 21 testemuñas e 17 gardas civís, así como a técnicos periciais das áreas de Psicoloxía, medicina forense, balística ou expertos do departamento de Química da Garda Civil.

Tamén estaba chamado a declarar o fillo maior de vítima e acusado, algo finalmente descartado en aras de preservar a súa intimidade. No seu lugar, reproduciuse na sala a gravación da declaración que prestou sobre os ocorrido.

Os feitos

Segundo recolle o escrito de Fiscalía, os feitos ocorreron pouco antes das 8 horas do 16 de setembro de 2019, cando o home se dirixiu á casa da súa ex muller sabendo que a esa hora ela abandonaba a vivenda en coche en compañía dos seus dous fillos en común, de sete e catro anos. Con el levaba unha arma corta co número de identificación borrado.

Para sorprender a súa ex muller, e "evitar que fuxise", o acusado colocou o seu vehículo diante da porta do garaxe e esperou de pé a que se abrise para despois situarse á altura do portelo do condutor e dispararlle na cabeza coa arma, que levaba oculta nas costas. Despois do primeiro disparo na cara, tiroteouna dúas veces máis no pescozo e outra no peito, mentres os seus fillos estaban nos asentos traseiros.

Cando abandonaba o lugar do crime no seu vehículo, o acusado cruzouse cun coche no cal se dirixían cara á vivenda a nai e a irmá da vítima, que foran alertadas por veciños e por unha chamada.

"Nese momento, o investigado decide tamén acabar coa vida de ambas, razón pola que cambiou o sentido da marcha e perseguiunas até chegar á casa", prosegue o escrito.

Unha vez alí, o procesado disparou en catro ocasións contra a nai da súa ex muller e en tres contra a súa irmá, acabando coa súa vida no acto. Estes asasinatos tamén foron presenciados polos dous fillos do home, aos que dixo que esperasen no lugar até que chegase a Garda Civil.

Prisión permanente revisábel

O escrito fiscal apunta que o acusado "carecía de calquera tipo de permiso" de armas no momento dos crimes, e que "quixo expresamente que os seus fillos menores de idade presenciasen como mataba a súa ex muller, co consecuente sufrimento que supuña para eles", xa que elixiu o momento no que ambos abandonaban a vivenda para ir ao colexio.

Por estes feitos, tanto fiscalía como as acusacións (particular e popular, que exerce a Fundación Amigos de Galicia) piden para el a prisión permanente revisábel, así como que non poida achegarse ou residir no termo municipal de Valga durante un período de 35 anos.

Así mesmo, o Ministerio Público pídelle que indemnice o marido e pai das vítimas con 475.000 euros, e con 341.000 a cada un dos seus fillos.

Tamén reclama 235.000 euros de indemnización para a nai e avoa das falecidas, 110.000 euros para o noivo da muller asasinada e 70.000 euros para cada un dos seus catro irmáns.