Comeza o xuízo contra o presunto autor do triplo crime de Valga

O acusado, baixo custodio policial en 2019. (Foto: Europa Press)
Durante a semana declararán, ademais do acusado, diferentes testemuñas e especialistas.

A Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá desde esta segunda feira o xuízo contra o home acusado de asasinar en 2019 a súa ex muller, a súa ex sogra e a súa ex cuñada en Valga (na comarca de Caldas), un crime polo que Fiscalía e acusacións piden para el a prisión permanente revisábel.

Esta segunda feira elixirase o xurado popular que será o encargado de emitir un veredito sobre o triplo crime de Valga. A continuación, declarará o acusado, seguido de 11 testemuñas. Entre os testemuños que reclama o Ministerio Público está o do fillo maior da asasinada, así como do presunto asasino, que presenciou os crimes cando contaba con sete anos xunto co seu irmán de catro.

Na segunda xornada declararán 17 gardas civís e ao día seguinte outros tres axentes e 10 testemuñas. Estas sesións darán paso ás periciais, coa participación de persoal de psicoloxía, medicina forense, balística e do departamento de Química da Garda Civil, entre outras figuras.

Segundo recolle o escrito de Fiscalía, os feitos ocorreron pouco antes das 8 horas do 16 de setembro de 2019, cando o home se dirixiu á casa da súa ex muller sabendo que a esa hora ela abandonaba a vivenda en coche en compañía dos seus dous fillos. Con el levaba unha arma curta co número de identificación borrado.

Para sorprendela e "evitar que fuxise", o acusado colocou o seu vehículo diante da porta do garaxe e esperou de pé a que se abrise para despois situarse á altura do portelo do condutor e dispararlle na cabeza coa arma, que levaba oculta nas costas. Despois do primeiro disparo na cara, tiroteouna dúas veces máis, mentres os seus fillos estaban nos asentos traseiros.

Cando abandonaba o lugar do crime no seu vehículo, o acusado cruzouse cun coche no que se dirixían cara á vivenda a nai e a irmá da vítima, que foran alertadas pola veciñanza e por unha chamada da propia muller.

"Nese momento, o investigado decide tamén acabar coa vida de ambas, razón pola que cambiou o sentido da marcha e perseguiunas até chegar á casa", prosegue o escrito. Unha vez alí, o procesado disparou contra a nai da súa ex muller e contra a súa irmá, acabando coa súa vida no acto. Estes asasinatos tamén foron presenciados polos dous fillos do home, aos que dixo que esperasen no lugar até que chegase a Garda Civil.

Prisión permanente revisábel

O escrito fiscal apunta que o acusado "carecía de calquera tipo de permiso" de armas no momento dos crimes, e que "quixo expresamente que os seus fillos menores de idade presenciasen como mataba á súa ex parella, co consecuente sufrimento que supoñía para eles", xa que elixiu o momento no que ambos abandonaban a vivenda para ir ao colexio.

Por estes feitos, tanto fiscalía como as acusacións -particular e popular, que exerce a Fundación Amigos da Galiza- piden para el a prisión permanente revisábel, así como que non poida achegarse ou residir no termo municipal de Valga durante un período de 35 anos.

Así mesmo, o Ministerio Público pídelle que indemnice o marido e pai das vítimas con 475.000 euros, e con 341.000 a cada un dos seus fillos. Tamén reclama 235.000 euros de indemnización para a nai e avoa das falecidas, 110.000 euros para a parella da muller asasinada e 70.000 euros para cada un dos seus catro irmáns.