Comeza a temporada de caza: sen exclusións tras os incendios e co servizo de axentes ambientais en "mínimos históricos"
O período hábil xeneral para a caza en Galicia estenderase desde este domingo, 19 de outubro, até o 6 de xaneiro de 2026, mais con excepcións para algunhas especies. Durante este tempo, permitirase o exercicio da actividade os xoves, os domingos e os festivos de carácter estatal ou autonómico. Este calendario está recollido na resolución anual publicada polo Diario Oficial da Galiza (DOG), que marca a duración da temporada completa entre o 1 de agosto deste ano e o 31 de xullo de 2026.
O arranque do período xeral está marcado pola suspensión cautelar da caza do lobo decretada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), unha prohibición que se aplicou xa durante a temporada anterior. O auto emitido esta semana, mantén a medida aplicando o principio de precaución ambiental. Porén, a Xunta avanzou que recorrerá de novo a decisión tomada polo órgano xudicial e reiterou que a conservación da especie é "favorábel".
Caza do xabaril
Desde este sábado, tamén, está en vigor a situación de emerxencia cinexética do xabaril, que permite a caza sen límite deste animal como medida complementaria ao período hábil de captura. Esta é, de feito, unha das excepcións do calendario marcada pola Xunta.
A temporada de caza do xabaril está en curso e finalizará o 22 de febreiro de 2026, día até o que se estende a medida vixente. Trátase da quinta vez que a Xunta emprega este instrumento –xa o fixo en 2019, 2021, 2023 e 2024–; con todo, nesta ocasión atopou a oposición na Federación Galega de Caza, que non ve "moi acertada" a súa adopción no momento actual.
Caza menor
Para as distintas especies de caza menor, no caso da arcea, o período poderase ampliar até o 8 de febreiro en terreos de réxime cinexético especial (RCE) que o soliciten. Así mesmo, a temporada de caza da lebre comprenderá do 19 de outubro ao 30 de novembro de 2025 unicamente en terreos de RCE. En canto ao paspallás e á pomba torcaz, o tempo de autorización de caza é o de carácter xeral, fóra da media veda nos tecores da antiga lagoa de Antela, entre o 23 de agosto e o 14 de setembro, durante os sábados e os domingos.
No caso dos raposos, a temporada de caza estará comprendida entre o 1 de setembro e o 18 de outubro de 2025, e entre o 7 de xaneiro e o 8 de febreiro de 2026, xoves, sábados, domingos e festivos. Ademais, estará prohibida a caza das seguintes aves: perdiz charrela, rula turca e común, pato cullerete, gaivota sombría, gaivota clara, gaivota patiamarela, pomba bravía, pomba zura e gralla occidental.
Caza maior
No relativo ás especies de caza maior, as femias adultas de corzo poderán capturarse en terreos de réxime cinexético común entre o 7 de xaneiro e o 15 de febreiro de 2026. No caso da cabra montesa, a caza desta especie está prohibida na Galiza excepto en determinados tecores do Xurés, onde se permite a súa captura desde o 15 de setembro de 2025 até o 15 de marzo de 2026 cunha serie de condicións e restricións.
Por último, o período de caza de cervos, gamos e muflóns vai desde este 19 de outubro de 2025 e até o 5 de xaneiro de 2026 en batida/montaría os xoves, os sábados, os domingos e os festivos.
Axentes ambientais en mínimos
Ante o inicio da tempada de caza, a CIG acusou a Xunta da Galiza de afrontar a apertura cun servizo de axentes ambientais en "mínimos históricos" ao non activar as gardas de reforzo do persoal axente ambiental. Segundo recolle o sindicato nun comunicado, só 25% do cadro de persoal (39 axentes ambientais de 173) estará operativo fronte a 50% habitual nestas datas, decisión que a CIG ve "especialmente grave" pola especial afectación deste ano dos incendios forestais á fauna galega.
"Os grandes lumes deixaron amplas zonas sen fauna e a sobrevivente non ten nin alimento nin acubillo. A súa repoboación dependerá da migración desde espazos verdes limítrofes", expón a organización. Ademais, reprocha á Dirección Xeral de Patrimonio Natural –adscrita á Consellaría de Medio Ambiente– non decretar a exclusión da caza nos concellos afectados polos incendios.
Neste sentido, segundo lembrou esta sexta feira a directora xeral, Marisol Díaz, a propósito da emerxencia cinexética do xabaril, só se reaxustaron cotas en 30 tecores cunha superficie queimada mínima de 15%, excluíronse outras catro e unha zona libre por non contar cunha superficie mínima de 500 hectáreas.
Así, a CIG lamenta que "apenas" haxa axentes para vixiar o exercicio da caza en terreos queimados, con multas de entre 600 e 30.000 euros, segundo contempla a normativa galega. O sindicato acusa a Consellería de non cubrir prazas vacantes e "amortizar" postos, o que deriva en que haxa dúas persoas por distrito ambiental, de forma xeral. Recolle que tampouco se cobren baixas nin vacacións, nin se activan gardas que permitirían alcanzar 50% do cadro.