Comeza a ‘Operación Verán’: Galiza agarda 550.000 desprazamentos por estrada esta fin de semana

A DXT prevé arredor de medio millón de desprazamentos por estrada nesta fin de semana. (Foto: Europa Press)

Este 1 de xullo deixa de ser obrigatoria a colocación dos triángulos de sinalización en caso de accidente ou avaría

Galiza espera rexistrar máis de medio millón de desprazamentos por estrada durante esta fin de semana, a primeira da 'Operación Verán' deste ano.

Ás 15 horas desta sexta feira, 30 de xuño, deu inicio a considerada como primeira fin de semana das vacacións de verán, que moverán na Galiza case 11 millóns de desprazamentos, 15% de todo o Estado español.

Trátase de 2,5% máis que o ano pasado, un incremento superior ao que se espera no conxunto estatal, segundo as cifras facilitadas esta sexta feira pola Delegación do Goberno.

O titular da oficina de representación do Executivo central na Galiza, Pedro Branco, supervisou na mañá desta sexta feira o operativo especial que se coordina desde a oficina da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

Alí, acompañado polo xeneral da zona 15 da Garda Civil, Luís Francisco Martínez, e cargos da DXT, Branco informou das principais cifras que se esperan nas estradas galegas durante esta tempada estival.

Ao longo destes dous meses levarán a cabo catro operacións especiais e campañas de control de velocidade e de detección de alcol e drogas ao volante. A primeira, centrada en control de velocidade, terá lugar entre o 10 e o 16 xullo.

Sinistralidade

Durante a súa visita á DXT, o delegado do Goberno manifestou a súa preocupación polos datos de sinistralidade nas estradas galegas, nas que 40% das vítimas mortais foron persoas usuarias vulnerábeis, das cales, nove eran peóns e oito motoristas (17 en total).

Reducir o risco para as usuarias vulnerábeis é o obxectivo da eliminación da obrigatoriedade para colocar os triángulos de sinalización en caso de accidente ou avaría, que deixa de esixirse a partir desta fin de semana, como lembrou Pedro Branco.