Comeza un novo curso escolar marcado polos recortes e a LOMCE

Un novo ano académica iníciase esta cuarta feira. Os recortes no ensino público e a aplicación da LOMCE marcan o que anuncian será un curso "conflitivo". 

 

Arranca máis un ano o curso escolar. Crianzas e docentes encetan un novo ano académico que, advirten as centrais sindicais, será "conflitivo". A aplicación da LOMCE, que se implanta en 1º, 3º e 5º de primaria, sitúase como unha das principais críticas da comunidade educativa que rexeitou, desde o seu anuncio, unha lei "que se traducirá nunha maior segregación do alumnado, privatización, confesionalidade" e "liquidación da cativa xestión democrática que quedaba nos centros", denuncian desde a CIG-Ensino. Aliás, a central sindical nacionalista critica con dureza a "cruzada contra o galego" que suporá a introdución dos novos currículos escolares. 

A Xunta de Galiza suprimiu 63 unidades no ensino público mentres concertou 79 novas na privada

Menos unidades escolares na pública, máis para a privada

Porén, a política de recortes que desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta se leva desenvolvendo, marca un novo curso escolar que arrinca con menos centros de ensino e menos persoal docente. Á supresión de 63 unidades no ensino público --en infantil e primaria-- engádense a eliminación de máis de 3.000 prazas de profesorado nos últimos cinco anos.

Fronte á esta realidade, a Xunta de Galiza através da Consellaría de Educación, concerta novas 79 novas unidades de ensino en centros privados-concertados e mantén o financiamento público a escolas que segregan as crianzas por razón de sexo. Embora, lembran desde a CIG, as 17 sentenzas xudiciais que consideran contrarios a dereito estes concertos. 

Así as cousas, o goberno galego aprobou no mes de agosto a renovación destas subvencións que, segundo afirmou o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, fican blindadas pola aprobación da nova lei de educación (LOMCE). 

Mobilizacións

Perante esta realidade no novo curso, a central sindical nacionalista convocou unha concentración ás portas da Consellarçia para "denunciar os recortes" no ensino. Mobilizacións que continuarán en vindeiras datas coincidindo coa inauguración institucional do curso escolar. Un acto que terá lugar no colexio Ben-Cho-Shey, en Pereiro de Aguiar, Ourense, e que contará coa presenza de Felipe VI, para alén do ministro español de Educación, José Ignacio Wert, e distintos cargos da Xunta. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público xa anunciou concentracións.