Comesaña reduce a falta de médicos a "dous ou tres PAC"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)
"Non hai ningunha intención de substituír médicos por enfermeiras", apunta o conselleiro, preguntado polos centros de saúde da área de Pontevedra nos que o persoal de enfermaría realiza os labores de facultativos ante a súa ausencia.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reiterou esta sexta feira que "non hai ningunha intención" por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de "substituír médicos por enfermeiras" e alegou que "na Galiza hai cen puntos de atención continuada (PAC), e o problema de falta de médicos afecta dous ou tres" da área de Pontevedra, é dicir, arredor de 2 ou 3% dos mesmos.

En declaracións aos medios en distintos actos que tivo en Santiago, o conselleiro recoñeceu que "varios factores" conducen a que a situación de Pontevedra sexa "máis complexa". Entre outras cuestións, apuntou que en Pontevedra hai máis vacantes e lembrou que, por exemplo, no verán os problemas da área agudizáronse por mor de baixas e vacacións.

Dito isto, no marco dunha polémica que vai en aumento —o Consello Galego de Colexios Médicos criticou con dureza a medida esta quinta feira—, o conselleiro insistiu en que o Sergas non prevé formar as enfermeiras da área pontevedresa como "unha solución" para os PAC que sofren a ausencia de facultativos. "En ningún caso se propuxo que substitúan os médicos", apostilou.

Con todo, destacou que o labor habitual do persoal de enfermaría xa é intervir nas triaxes ou ir nas ambulancias de soporte vital. "Teñen un papel fundamental e quero agradecer o manexo que fan en Urxencias", aseverou, para engadir que, ante a situación que se dá "en dous, tres ou catro" centros de saúde, solicitaron "reforzar" unha formación que xa se realiza de forma habitual.

"Non hai ningunha intención de substituír médicos por enfermeiras", insistiu, e defendeu que a Xunta mantén "unha relación fluída" co Consello Galego de Colexios Médicos, co que falaron "hai un par de semanas" e con quen volverán manter "en breve" unha reunión, á que tamén aludiu na pasada xornada o presidente Alfonso Rueda, para "aclarar o que precisen".

"Poden estar tranquilos o Consello de Colexios Médicos e os usuarios. Non hai ningunha intención de substituír médicos por enfermeiras. O problema resólvese se quen ten que adoptar a decisión para formar a máis especialistas a toma dunha vez", sentenciou, en referencia ao Goberno estatal e á petición reiterada de que se amplíen as prazas MIR para o primeiro nivel asistencial.

Por outra parte, esta sexta feira Comesaña foi tamén preguntado pola información transcendida sobre que persoal médico do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo está a durmir en camas das Urxencias pediátricas durante as gardas, algo que o conselleiro asegurou que "non xera dificultades asistenciais para os pacientes que ingresan".