Comesaña contradí o Ministerio e cingue a cuarta dose da vacina a maiores de 80 anos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O conselleiro de Sanidade destacou que, polo momento, non se tratou a posibilidade de pór unha cuarta dose a toda a poboación en xeral,

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou esta quinta feira que o tratado tanto na Comisión de Saúde Pública como na Comisión Interterritorial de Sanidade en relación á cuarta dose de vacina contra a covid-19 refírese á poboación maior de 80 anos, xa que "non hai evidencia" de beneficio da súa administración en poboación xeral, polo momento.

Así o dixo, en declaracións aos medios, despois de que a ministra de Sanidade, Carolina Darias, afirmase nunha entrevista que "haberá unha cuarta dose para toda a poboación" a partir de outono, e vinculase esta decisión co acordado na Comisión de Saúde Pública.

"Non hai data determinada"

Posteriormente, o Ministerio de Sanidade puntualizou que "non hai data determinada" para a administración da cuarta dose da vacina contra a Covid-19 na poboación xeral, aínda que sinalou que "nalgún momento porase a todo o mundo".

Fronte a isto, Julio García Comesaña explicou que o que se acordou na Comisión de Saúde Pública de hai un par de semanas é a administración desa cuarta dose "á poboación maior de 80 anos". Para eles, explicou, falta por "fechar a data", que dependerá de que se poida dispor dunha vacina válida tanto para a cepa orixinal como para a Ómicron.

"As expectativas din que pode haber unha vacina bivariante no mes de setembro", dixo  Comesaña, que precisou que o tema tamén se tratou "brevemente" esta cuarta feira na comisión interterritorial, pero que "sempre se falou de vacinas para persoas de máis de 80 anos".

Tras coñecer as declaracións de Darias, explicou que el mesmo chamou a ministra. "Confirmoume que, efectivamente, estamos co previsto na Comisión de Saúde Pública e con vacinar agora mesmo os maiores de 80 anos", precisou.

O conselleiro de Sanidade destacou que, polo momento, non se tratou a posibilidade de pór unha cuarta dose a toda a poboación en xeral, xa que, "así como hai evidencia de que en maiores de 80", e  inmunodeprimidos, "si ten" beneficio, "no resto da poboación parece que, até o de agora, non hai evidencia sobre esta administración", resolveu.