Haberá cuarta dose da vacina contra a Covid para "toda a poboación": así o anunciou Darias

A ministra de Sanidade, Carolina Darias. (Europa Press)
Polo de agora non se coñece o inicio da campaña de vacinación.

A ministra española de Sanidade, Carolina Darias, anunciou na mañá desta quinta feira que o Executivo ten previsto levar a cabo unha nova campaña de vacinación contra a Covid para "toda a poboación".

Esta nova campaña, que supón a cuarta dose da vacina para boa parte da poboación do Estado español, foi adiantada por Darias en La Sexta, mais non concretou unha data exacta na que se dará inicio á inoculación desta nova dose.

Posíbel data do comezo da vacinación

En maio deste ano, o conselleiro galego de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que a campaña da cuarta dose da vacina da Covid realizarase en "outono-inverno" para a poboación xeral.

Comesaña sinalou que espera que nese momento as vacinas xa teñan as dúas variantes habituais, a orixinal e a ómicron. Así, afirmou que esas datas serán "o escenario máis adecuado" para administrar esa cuarta dose.

Así mesmo, nunha entrevista na Radio Galega, García Comesaña subliñou que a Xunta da Galiza xa expuxo a conveniencia de que os maiores de 80 anos reciban a cuarta dose da vacina fronte á Covid.

Para o colectivo de maiores de 80 anos, Comesaña detallou que a intención é que, en canto se aprobe, sexa administrada nos centros de saúde, como xa se fixo nas anteriores doses para este grupo de idade.

Comesaña recoñeceu que as cifras de casos activos e de incidencia acumulada de Covid na Galiza son "altas e malas", a 14 días de case 1.300 e a 7 días de 648. Ademais, destacou que 68,66% das persoas ingresadas na Galiza con esta patoloxía estano "con Covid", pero non "a causa da Covid". Así, concretou que "só 31%" está ingresado por motivos de Covid".

Por outra parte, cuestionado sobre se Sanidade ten planeada unha regresión respecto ao uso das máscaras en interiores, Comesaña apuntou que na Galiza seguen recomendándose mais, "ante unha situación estábel", asegurou que non contempla esa regresión á obrigatoriedade.