Comesaña apela á "tranquilidade" ante o aumento de casos en China, aínda que avoga por "anticiparse"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)
"Hai que aproveitar a experiencia previa, isto non nos colle de novas", manifestou García Comesañana.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, enviou unha mensaxe de "tranquilidade" á poboación ante a situación sanitaria que atravesa China cun incremento dos casos de Covid tras a relaxación das medidas no país asiático que, ao seu xuízo, debe afrontarse desde o Estado español e Europa con "anticipación".

Esta sexta feira, en declaracións aos medios antes de participar nos actos da Translación dos restos do Apóstolo na Praza do Obradoiro de Santiago, o responsábel do Goberno galego en materia sanitaria apuntou á importancia da experiencia que outorga o facer fronte á crise sanitaria durante os últimos case tres anos.

"Hai que aproveitar a experiencia previa, isto non nos colle de novas", manifestou García Comesañana, que apelou a coñecer as decisións dos expertos reunidos na mañá desta sexta feira no relatorio de alertas convocada polo Ministerio de Sanidade.

O titular de Sanidade cre que é preciso "anticiparse" e empregar as "ferramentas" usadas até a data -vacinación, máscaras e test- para "evitar que esta situación que se vive en China non chegue a España e o resto de Europa".

Nesta liña, defendeu que a Galiza presenta un alto grao de vacinación entre a súa poboación, cunha taxa de 80% entre os maiores de 80 anos e de 68% entre os que superan os 60.

Ademais, tras convidar a vacinarse que os que aínda non o fixeron ou teñen doses pendentes, o conselleiro apuntou que cada caso que se detecta na Galiza na actualidade é secuenciado para identificar a que variante de Covid-19 pertence.

Na actualidade, 90% dos casos que circulan pola Galiza pertencen ás variantes BA-4 e BA-5, que están "incluídas na vacina que se pon agora" na comunidade, como subliñou Comesaña.

"O problema agora é que haxa unha variante nova, por iso é importante monitorizar", engadiu antes de concluír que é preciso manter medidas de prevención, especialmente ante celebracións como as de Fin de Ano.