A perda de emprego e os peches continúan

Comercio coruñés en crise brutal, políticos cegos

O pequeno comercio coruñés agoniza. As tendas que dan vida aos barrios nunha cidade de barrios levan resistindo anos e non ven moito futuro nun segmento golpeado pola crise, pola instalación incontrolada de grandes superficies e por políticas públicas dispersas e ineficaces.

O adxectivo da crise é brutal. O pequeno comercio na Coruña, unha cidade de barrios, rechúmese. A crise, brutal; a competencia dos grandes centros, incontrolada; unhas políticas públicas sen xeito. O relevo xeracional que se frustra. Locais pechados, rúas desertas, barrios sen máis vida ca dos bares. Un síntoma que á vez é a enfermidade. “Eu empecei naqueles últimos anos de boas vendas, e a diferencia daqueles tempos respecto dos seis ou sete últimos anos foi dunha caída brutal”, di Alba Balsa, desde hai trece anos na tenda Luces de Bohemia, nunha punta da rúa Ángel Senra, no barrio dos Mallos, un dos que crecera co porto hai un século, mariñeiros e anarquistas, un barrio que bulía nos sesenta e nos setenta cos mariñeiros e labregos e emigrantes asentando unha cidade de comerciantes. A rúa Ángel Senra, peonil desde non hai moito, resume a paisaxe na que vai parando aquela cidade dos oitenta e dos noventa. Alba Balsa e outras comerciantes da área crearon a Guerrilla dos Mallos. Non poñen bombas.

Telas e Adela son dúas tendas xemelgas, contiguas e discretas na rúa Barcelona. Desde hai uns meses teñen case o mesmo reclamo no escaparate: Liquidación por Jubilación, Liquidación Total por Jubilación. A rúa Barcelona, peonil, comercial, máis longa que Ángel Senra, na mesma da fachada da Coruña cara o oeste, onde viñan os clientes a mares nos corenta, nos cincuenta, nos sesenta, experimenta estes últimos anos un fenómeno curioso. Os locais comercias da ampliación máis alá da perpendicular con Vila de Negreira van quedando baleiros pola mudanza de negocios cara a parte da praza das Conchiñas. Vénse apagando a rúa do norte cara o sur, un síntoma que é a enfermidade. “Foi a crise da construción. Si, a partir do 2009 ou 2010 empezaron a faltar os cartos. Xa pasara a principios dos noventa. Xente que antes gastaba en roupa, que quería vestir calidade, quedou sen cartos. Foi pouco a pouco. Foi cambiando a maneira de pensar da xente, pola crise. Agora non se valora a roupa”, di Adela, a meses de xubilarse, que abrira a tenda no 76, poucos meses despois de que a súa irmá, Ana, empezara coa tenda de alimentación, porque daquela o marido traballáballe na distribución dunha gran empresa de alimentación. Logo deixou o ramo cando empezaron os Alcampo e os Carrefour a mediados dos oitenta. “Adela, que estaba no negocio da confección, axudoume a entrar no das telas. Telas de calidade. A comezos dos anos dous mil a costura ía ben, a xente gastaba en vestir. Agora non quedan modistas. Aquí retiráronsenos tres e as mozas e os mozos queren ser deseñadores, pero non queren coser. Demasiado sacrificio. Meus fillos teñen bos traballos”.

 

A concellería de Emprego e Economía Social non ofrece datos sobre a evolución do pequeno comercio coruñés. O concelleiro, Alberto Lema, leva dous anos facendo xiras. Estivo en China, en Londres, Roma, Sevilla ou Málaga. Tamén mantivo reunións coas asociacións de comerciantes da cidade. Sen resultados aparentes. “O 90% das políticas municipais fallaron”, opina José Antonio Salgado, presidente de Distrito Mallos, a asociación da zona, e vicepresidente da federación de comerciantes da cidade. Salgado empezou montando escolas nos Mallos hai medio século e agora rexenta un aparcadoiro baixo a Ronda de Outeiro, o único da cidade que se construíu baixo iniciativa veciñal. “Paréceme que no Concello desconfían das asociacións, pensan que están politizadas para traballar contra deles. Din que prefiren actuar directamente coa veciñanza, prefiren que sexa o Concello o que faga todo. Intentan educar con accións puntuais. Dannos as cousas feitas, e iso non funciona”.

A federación de comerciantes reúne a 17 asociacións (quedan fóra dúas) e uns 1.600 pequenos comercios de todos os ramos de actividade, mesmo profesionais liberais. Un terzo deses comercios teñen empregados. Son menos que a principios de século, pero non hai datos. “Non os teñen, pero esa só é unha mostra máis da incapacidade política deste goberno. Tampouco é que esteamos moi contentos cos anteriores”, explica Tonecho Amor, da Asociación Zona Comercial Obelisco, esta mañá de agosto suplindo as vacacións nunha das xoierías da familia, catro xeracións no negocio que non terán continuidade na seguinte. “Por poñer un exemplo de ineficacia das políticas municipais: levamos dez anos reclamando un bus turístico e nin roxos nin azuis nin morados foron quen de poñelo a circular. A resposta é invariable: non hai cartos. Fai moitos anos que a cidade non vive da industria e do porto, mais na concellería de comercio cabe todo, é un saco: turismo, comercio, emprego... sen coordinación”.

 

A da Zona Obelisco é unha das asociacións máis fortes, “privilexiada pola situación e pola calidade dos negocios”, envexa Salgado. Teñen cartos para facer accións propias. Son 180 socios sobre un censo de 400 comercios. Teñen desde tendas do téxtil e zapatarías até hostalería e tamén notarios e avogados porque ofrecen descontos para os aparcadoiros. Tonecho Amor explica a evolución do comercio local desde os anos nos que a crise empezou a golpear forte, o 2009 e o 2010. “Somos empresas con picos de actividade que precisamos do crédito dos bancos para manter o equilibrio todo o ano. Nesa época os ingresos caeron e fomos arranxando con despidos e prexubilacións. Ao principio o banco aínda confiaba en ti. Houbo liquidacións de empregados que chegaron até os 70.000 euros, xente que levaba moitos anos traballando. O emprego reduciuse aproximadamente entre un 20 e un 30% desde entón. Os comercios entramos en débedas e moitos aguantan simplemente até que consigan saldar esas débedas. Despois, pecharán”.

 

Antes da crise foran os centros comercias. “Na Coruña tiñamos unha gran superficie e en pouco tempo abríronse catro máis. Había unha oferta para unha cidade dun tamaño tres veces maior. Enriba, algúns deles fixéronse en zonas de entrada como a de Carballo e toda a Costa da Morte pola que a xente que viña de alá xa nin chegaba aos barrios”. José Antonio Salgado cre que pasou máis pola avidez dos construtores que polas posibilidades reais de negocio comercial. “Aqueles centros afogaron moito pequeno comercio. E mira hoxe, ou están pechados ou baleiros”.

 

Aquela invasión levou por diante ramos moi específicos de actividade no comercio minorista: as ferraxerías (nos Mallos xa só queda unha aberta), as drogarías (nos barrios só resisten franquiciados) e pequenas librarías e quioscos. Na Agra do Orzán, nos Mallos, no Obelisco e Catro Camiño, mesmo en Monelos, o comercio de proximidade mantense inda que murcho. Noutros barrios coma Monte Alto é “moi pobre” ou xa desapareceu, “coma na Cidade Vella”, indica Salgado.

Na zona do Obelisco e no Distrito Picasso desapareceron sobre todo tendas de xoguetes, pequenos supermercados, e aquela proliferación de chinos e todo a cen. A crise tivo algún efecto lateral beneficioso. “Moita xente deixou o coche e volveu a pasear e a coñecer o barrio, tamén hai xente nova que xa non cre nas grandes superficies, empezou o botellón que trouxo ás mozas e os mozos de novo ao centro. A idade dos paseantes na Rúa Real baixou”, comenta Tonecho Amor.

 

Alba Balsa viu pechar moitas tendas nos trece anos que leva nos Mallos. E segue vendo como as que abren, a maioría, acaban pechando despois de dous ou tres anos. “Houbo unha perda enorme de poder adquisitivo en barrios coma este. Mesmo os propios comerciantes temos unha percepción negativa sobre como estamos levando o negocio porque as vendas caeron e non remontan. Salvo quen ingresa máis por traballo que por venda de produtos, como os salóns de peiteado, por exemplo, as demais seguimos con mi pouco volume de negocio”. Por iso decidiu montar a Guerrilla dos Mallos. Son varias tendas agrupadas nas redes sociais, facendo propaganda (non venda) a través de Internet e coordinándoa con accións na rúa que leven á xente a entrar nas tendas. “Marketing de guerrilla”, conta Alba, “de aí vimos, de facer ruído con poucos medios. Somos un grupo pequeno que xurdiu da necesidade de colaborar e darlle cobertura aos que van abrindo e potenciar a imaxe comercial da zona. Facemos cousas polo barrio, e pouco a pouco a xente vai vendo o comercio como seu”.


 

José Antonio Salgado mira con esperanza iniciativas como a de Alba. El insiste en que as asociacións teñen vínculos cos barrios que son imprescindibles para desenvolver calquera política pública. “Que nos dean cartos e non gasten o pouco que teñen en facer propagandas que non fan que o cliente entre á tenda”. Mira con simpatía á Guerrilla dos Mallos, pero desconfía de iniciativas como Tu tienda examen. Un técnico encargado de executar este programa municipal acompañou a algúns comerciantes durante tres meses. “Ensináronos a mirarnos desde fóra”, di Alba Balsa, que foi mudando pequenas cousas en Luces de Bohemia aquelas semanas, entre finais do ano pasado e comezos deste. “Ofrecéronos algunhas ferramentas, a coidar o empaquetado ou os escaparates, pero tamén nos deron seguridade no que vaiamos a emprender, porque ás veces veste peor do que realmente estás”.


 

“O comercio rebentou”, reflexiona Tonecho Amor, que confesa que nalgún momento foi asesor do anterior goberno municipal, “de Carlos Negreira”, e di que “un día deixou de chamarnos porque deu en falar con tres ou catro grandes de verdade e só con eles, e entre eles arranxaban os asuntos importantes”. Amor explica como a cidade que creceu de costas ao mar pensa en seguir vivindo, cega, de costas ao pequeno comercio. Outro erro, advirte. E xa non espera moito das políticas públicas. Nin busca grandes referentes. “Non, xa non podemos aspirar a competir no rango de cidades como Santander ou Donosti. Pero miremos cara outras como Segovia, Salamanca ou Toledo. Está ben ir a Fitur ou investir o que non se inviste en comercio local nunha feira gastronómica que organizan hostaleiros cataláns. Se houbera para todo... É unha concellería sen cartos, e os cartos vanse en saraos. Hai visitantes que baixan dos cruceiros e nin ven as praias porque ninguén lles informa que están alí. E, témosllo dito, no Entroido non hai un punto focal no noroeste. A Coruña podería selo. Non podemos vivir do turismo de alpargata. Urxe pór a cidade no mapa, sinais, imaxe corporativa”.

 

Todas as imaxes, de Erik Dobaño. Portada e interior, Telas e Adela.

No texto: Alba, Salgado e Tonecho.