Principian as protestas no IES Antón Fraguas de Compostela contra a semipresencialidade

IES Antón Fraguas, Compostela
O alumnado de 1º de Bacharelato do IES Antón Fraguas de Compostela, xunto coas súas familias, convoca para esta terza feira, ás 12.20 horas, diante do instituto, a primeira concentración de protesta contra a falta de resposta da Xunta ás súas demandas de profesorado para evitar a semipresencialidade nesta etapa.

Como denuncian desde a ANPA, esta modalidade educativa, que só está a funcionar en media ducia de centros na Galiza, fai que este alumnado só poida recibir aulas presenciais 50% do horario, en semanas alternas de dúas e tres xornadas. 

As familias levan desde o inicio do curso demandando a concesión do profesorado necesario para poder facer desdobres de aulas e manter o ensino presencial.

Nas últimas semanas dirixíronse ás Administracións educativas, así como á Valedora do Pobo, para trasladar a súa "fonda preocupación" pola "discriminación" que sofre este estudantado. 

A día de hoxe, sinalan, segue sen concederse o número de docentes que o centro solicitara "para que todo o alumnado poida asistir a clase tódolos días, ocupando os espazos habilitados pola dirección ".

Como poñen de relevo, o IES Sánchez Cantón de Pontevedra, que se atopaba nunha situación similar, vén de conseguir o aumento de 14 docentes, "co que se garantes as clases presenciais". 

Segundo denuncia a ANPA, a última proposta da Xunta para o Antón Fraguas  é "que os rapaces e rapazas asistan a aulas onde se instalarían unha televisión que emitiría as clases impartidas noutros espazos", unha solución que as familias rexeitan pola falta de atención directa e por "non ser unha solución válida para unha educación de calidade".